Confírmase que o castelo de Naraío é máis antigo do que se pensaba

0

As orixes do castelo de Naraío son un misterio. Sábese que leva aí, coroando un penedo á beira do río Castro, polo menos 700 anos. E sábese porque a fortaleza aparece citada expresamente nun documento xudicial de 1377 e tamén despois, século e medio máis tarde, dentro da documentación do coñecido como “Pleito Tabera-Fonseca”, principal fonte histórica para coñecer o ocorrido durante a segunda Revolución Irmandiña.  Porén, hoxe o Concello recibiu información nova que, por fin, deita luz sobre a antigüidade do inmoble. E é que, segundo revela a datación das mostras  recollidas na última intervención arqueolóxica, o castelo de Naraío estaba xa en construción no século XII. Este descubrimento -avalado pola Universidade da Coruña- vén confirmar cientificamente algo que historiadoras e historiadores xa sospeitaban, ademais de abrir un novo capítulo -e tamén novas incógnitas- para a investigación sobre cal era a súa función antes da irrupción da estirpe de Andrade.

A primicia sobre a datación da fortaleza achegouna este venres Francisco Alonso, director arqueolóxico dos traballos que se levaron a cabo en Naraío entre finais de 2019 e comezos de 2020. Nas distintas catas que se realizaron no entorno recolléronse mostras de cerámica, de metal e doutros restos que nalgúns casos se analizaron mediante a técnica do Carbono-14 dando como resultado “datacións relativas correspondentes ás guerras irmandiñas” que coinciden coa historia xa coñecida do castelo.

Con todo, o máis novidoso da investigación foi tomar fragmentos dos morteiros de unión das pedras para facer un estudo mediante Luminiscencia Opticamente Estimulada, que mide a radiación acumulada polos seus compoñentes. Da análise dos fragmentos extraídos encargouse o Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, integrado na Universidade da Coruña. Achegáronselle catro mostras, pero só unha foi a que deu a sorpresa: “sacamos unha mostra do alxibe da torre do homenaxe, o primeiro elemento que se construíu, e deunos unha datación absoluta entre o 900 e o 1.197. O ano 900 e o século XI podemos descartalo porque a tipoloxía do castelo non coincide con ese momento, pero a do 1.197 estanos dicindo que polo menos no século XII se estaría construíndo a torre do homenaxe”.

A historiografía sobre os séculos XIV e XV, con abondosas fontes escritas -sobre todo o coñecido como “Pleito Tabera-Fonseca”, sementou a crenza colectiva de que a fortaleza pertencía a esa época, aínda que as estudosas e estudosos xa sabían que o edificio que hoxe se conserva era resultado dunhas obras iniciadas moito antes e que despois foron ampliándose co paso do tempo, abrazando incluso o Gótico, como pode observarse no arco oxival do acceso principal.

Desta cuestión escribiu abondosamente o arqueólogo Anxo Felpeto, responsable das investigacións iniciadas en 2007, quen avanzou que a construción do castelo arrancara, probablemente, entre os séculos XIII e XIV -un século máis tarde do que agora se sabe- e que a partir dese momento houbera outras tres fases: unha de ampliación entre os séculos XIV e XV, outra cualificada por Felpeto como “destrutiva” que coincidiría coa segunda revolución irmandiña ocorrida entre 1467 e 1469 e, por último, unha fase de reconstrución pouco despois de que as revoltas fosen reprimidas na que, segundo os testemuños recollidos nas actas do Pleito Tabera-Fonseca, terían participado como castigo os labregos e “hermandinos” que a botaran abaixo.

“Os propios paramentos fálannos de que é así. Vese claramente que hai un primeiro recinto máis pequeno, e outro máis grande que amplía as dependencias. O castelo foi algo dinámico que cambiou durante os séculos”, comenta Francisco Alonso.

A datación confirma que o a fortaleza é entre dous e tres séculos máis antiga do que comunmente se pensaba (ata o punto de que a cartelaría e as guías turísticas o sitúan temporalmente no S.XIV) e, polo tanto, cómpre cambiar o punto de vista desde o que se miran as súas orixes. “Metémonos no Románico, un dos períodos máis dinámicos en Galicia e momento no que Galicia é un dos territorios máis dinámicos da Península Ibérica”, explica Alonso. “Cambia por completo a concepción que debemos ter da fortaleza. Naraío é un castelo único e un pouco extrano pola localización que ten. Sempre se encadrou nunha época baixomedieval, no contexto das loitas entre nobres e das loitas irmandiñas, pero estamos vendo que se construíu moito antes e debemos estudalo dentro da lóxica do século XII, investigar a que respondía este castelo.”.

Da mesma idea é o historiador e arqueólogo Eloi Saavedra, quen segue de preto os resultados das investigacións desenvolvidas nos últimos anos, especialmente as de Anxo Felpeto: “a datación absoluta dos restos vén reafirmar o que se sospeitaba desde hai tempo e contextualiza mellor o alcance da xerarquización que estas fortalezas impuxeron no territorio de Trasancos. Naraío é un  centro de poder comarcal de tamaño considerable para a época”, comenta Saavedra. Sobre esta cuestión, Francisco Alonso engade, pola súa banda, que a elección do emprazamento e a finalidade última do conxunto podería ser a de  “controlar un val fértil e establecer poderes en contraposición a outros” nun momento de grande fervenza política, económica e cultural en Galicia.

Sobre Naraío pouco ou nada se sabe con certeza, habida conta de que non hai información escrita ao respecto con anterioridade a 1377. Si está aceptado, porén, que a fortaleza debeu ser parte do pagamento “polos servizos prestados” que lle fixo o rei Pedro I a Fernán Pérez de Andrade “O Boo” -reflectido no Privilexio de Murviedro (1364)- que, na práctica, foi unha expropiación forzosa dos bens que eran propiedade dun tal Gonzalo Piñeiro, señor de Naraío, do que tampouco hai suficiente información, aínda que si referencias posteriores.

Con todo, cousas veredes, pouco durou a lealdade a Pedro I “O Cruel”, posto que tan só cinco anos despois o Andrade xa estaba do lado do seu medio irmán Henrique de Trastámara na pugna que ambos mantiñan polo reino de Castela. Cando Henrique se fixo co trono -disque Fernán Pérez de Andrade incluso tomou parte no asasinato de Pedro-, o novo rei, Henrique II, confirmoulle as propiedades e aínda lle daría máis poder converténdoo en 1371 no primeiro señor de Pontedeume e Ferrol e en 1373 tamén en señor de Vilalba.

Máis información para visitantes
Os resultados das investigacións arqueolóxicas que acompañaron a última intervención no castelo están sistematizándose neste momento e publicaranse “dentro duns meses” indica Francisco Alonso. O dato sobre a confirmación da antigüidade da fortaleza foi só un avance, do que onte mesmo se lle deu conta ao Concello como impulsor das obras de posta en valor do conxunto coa colaboración da Deputación da Coruña e da Xunta.

O concelleiro responsable de Desenvolvemento local -onde entran as cuestións de turismo-, Manolo Varela, mostrouse sorprendido pola descuberta e reafirmouse “na importancia de seguir investigando e poñendo en valor o castelo” que, ademais, se converteu nun importante polo turístico desde que se habilitaron os novos sendeiros e se instalou a estrutura de acceso ao torreón e, máis que nada -segundo o concelleiro- “por ese novo turismo de proximidade á procura de lugares ao aire libre e pouco frecuentados que está propiciando a situación de pandemia”.

Varela adiantou que a Deputación da Coruña contratará en breve un pequeno proxecto de reconstrución virtual da estrutura “baseado nas investigacións feitas nos últimos anos” que permitirá ver en dispositivos móbiles “unha imaxe aproximada a como foi o castelo noutro tempo”. Ademais, recentemente o Produto Turístico Ferrolterra-Rías Altas instalou nos accesos pequenos paneis con códigos QR que indican as rutas onde está incluído o paso por Naraío.

Share.