ConcienciArte introdúcenos este domingo no Shiatsu

0

O Shiatsu é unha disciplina xaponesa que aborda o coidado da saúde na canalización da enerxía que flúe polo corpo. Disque esa enerxía vital -chamada Chi- circula por dentro de nós e que cando hai algunha descompensación o noso estado xeral resíntese. O Shiatsu volve a enerxía ao seu combinando a presión en puntos determinados e as masaxes, ademais de exercicios respiratorios e de relaxación tanto física como espiritual. Para falarnos de como podemos mellorar a nosa calidade de vida a través desta práctica natural, a asociación ConcienciArte organizou para este domingo unha sesión de iniciación que terá lugar na antiga escola de Silvalonga. O prezo para persoas socias da entidade é de 25€ e de 30 para as non socias. Cómpre inscribirse chamando ao 630 746 702.

Segundo a información que nos facilita ConcienciArte, o curso “Shiatsu básico para a saúde familiar” tratará o concepto da saúde integral promovido pola medicina tradicional chinesa, da que provén esta práctica nipona da que se ten constancia desde principios do século XX.

O Shiatsu está relacionado con outras técnicas sanadoras e de benestar orientais, como por exemplo a acupuntura, aínda que neste caso só se emprega como ferramenta a presión exercida coa palma da man e os polgares en lugares moi concretos dos denominados “meridianos” enerxéticos que percorren todo o corpo.

Apretando aquí e masaxeando acolá -sabendo onde, claro- seica se consegue mellorar o benestar e mesmo  previr ou sanar enfermidades, aínda que isto último non está contrastado nin refrendado por ningún estudo científico a pesar de que o Shiatsu si está recoñecido polo sistema nacional de saúde xaponés.

Tokujiro Namikoshi (1905-2000), foi quen sistematizou as técnicas do Shiatsu e quen definiu esta práctica terapéutica como “un sistema para mellorar a saúde eliminando os factores que producen fatiga e estimulando a capacidade de recuperación propia do corpo por medio da presión dixital e manual”.

No obradoiro que se impartirá o domingo en Silvalonga aprenderanse sinxelas técnicas para manexar o estado enerxético e tamén a maneira de “acompañar aos nosos familiares facilitando os seus procesos de saúde mediante masaxes sinxelos e agradables”.

Para reservar praza no obradoiro hai que contactar con Alba Leal no 630 746 702. O prezo son 25€ para persoas socias de ConcienciArte e 30€ para quen aínda non o sexa. O colectivo desenvolve ao longo do ano unha chea de actividades -cursos, saídas de campo, música, audiovisual…-, concibidas en todos os casos desde a óptica do crecemento persoal e a sustentabilidade.

Share.