ConcienciArte bendícenos no nome do IBEX, do Euro e da Prima de Risco

0

A estrea do pasado venres do proxecto Chanfaina Lab convídanos a reflexionar sobre o mundo no que vivimos. Quen manda nel?, de que xeito nos afectan as súas decisións?, podemos fuxir dun destino marcado por poderes que nin sequera alcanzamos a comprender?. Preguntas ás que a asociación ConcienciArte lles busca resposta cunha hilarante “Homilía Neoliberal” que ceiba auténticas cargas de profundidade para o pensamento por medio dun guión xenial e unha posta en escena minimalista. Ingredientes que se traducen nunha curta de humorismo refinado co único obxectivo de remover conciencias.  Así fala da peza o profesor Manolo González:

“Asociación ConcienciArte, cultura colectiva do rural” naceu no 2014 como froito da inquedanza dun grupo de persoas interesadas en novas alternativas e xeitos de vida. Actualmente conta con 36 socios. Os obxectivos da “Asociación ConcienciArte” son -sobre todo- a divulgación e concienciación de novas alternativas vitais no entorno rural. Tamén apostan por un mundo máis xusto, equilibrado e autoxestionado: enerxías libres, alimentación consciente, saúde e plantas medicinais, a música e o creativo como instrumentos de sanación ou o grupo de consumo de produción ecolóxica que xestionan.

Habitualmente realizan numerosas actividades como obradoiros de teatro, canto, ioga, plantas, radio, etc. Pode seguirse a dinámica da Asociación a través do seu Facebook. Asimesmo, unha das súas teimas- xunto coa música- é a produción de filmes humorísticos, que difunden a través da canle ConcienciaTV. Nos seus vídeos tentan poñerlle retranca a todo, nomeadamente a algúns dos valores dominantes na sociedade contemporánea, como se pon de manifesto nas pezas producidas nas edicións do Chanfaina Lab “O meigo mouro do repetidor” (2015), ou “Flipacan” (2016) .

Nesta edición, a xente de ConcienciArte apostou por gravar unha peza que puidera ser ademais unha achega do colectivo á “Rede de Decrecemento Eo Navia /Galiza /O Bierzo”, que vai organizar este outono o 1º Congreso de Decrecemento. Unha proposta participativa na que se xuntan a cultura,o lecer, o respecto polo ambiente e, en resume, os xeitos de conducir a sociedade cara a un mundo distinto e sostible: “David Anca xa escribira varias homilías neoliberais y pensamos que era un bo formato: unha “autoridade moral” -o capital-, que nos sermonea sobre cómo temos que (mal)vivir para que eles sigan forrados. O vídeo realizámolo nun plano fixo rodado dun tirón, nada complicado, mais sí que damos moita importancia á mensaxe do texto e a reflexión á que pode dar pé. Esa é a idea, -a de decrecer-, coa que coincidimos: fai falla un cambio radical de todos a respecto de cómo o noso xeito de vida afecta ao planeta , e ao medio ambiente, a outros países, a outras culturas, outras identidades… fai falla un reprantexamento dos nosos valores e prioridades: persoais e colectivas”.

“Homilías neoliberales/Decrecentismo” é unha curta realizada baixo a estrutura dun monólogo, mais co estilo irreverente e inconformista habitual doutras pezas deste colectivo de cineastas locais. Neste caso parten do discurso retranqueiro dun predicador do neoliberalismo que fai un panexírico da economía e das grandes fortunas como únicos dogmas de fe que deberían rexer o mundo e a vida dos pobres mortais. Como reivindican sempre: “nós pretendemos concienciar sobre “o absurdo” de querer seguir medrando indefinidamente a costa dun planeta que é finito”. Con esta peza podemos comprobar de novo a diversidade de estilos e propostas dos filmes do Chanfaina Lab. A homilía deste pastor de novo cuño ensina que o audiovisual tamén pode ser un altofalante para expoñer ideas que procuran mellorar o mundo no que vivimos e… botar ao tempo unhas risas; como, por certo, tamén o procuraban moitos textos dramáticos e monólogos do teatro popular galego do primeiro terzo do século XX.

Share.