Concello e Xunta asinan o convenio para o cambio da cancha do pavillón

0

A Secretaría Xeral para o Deporte e mailo Concello de San Sadurniño xa teñen suscrito o convenio de colaboración mediante o cal o departamento autonómico se compromete a financiar o cambio da cancha do pavillón municipal por outra con homologación internacional para distintos deportes, como parte das actuacións de mellora das instalacións. A achega da Xunta ascende a 45.426 euros e, a maiores, o Concello tamén destinará outros 76.668 á remodelación da fachada e dos accesos. Este último investimento aprobouse no pleno ordinario de maio dentro dun paquete de proxectos sufragados con recursos propios que supera os 600.000 euros.

As obras que se desenvolverán no pavillón teñen por obxectivo, en primeiro lugar, mellorar a accesibilidade ao recinto cambiando a entrada principal para a súa fachada sur, que dá á nova rúa entre o Centro de Saúde e Marqués de Figueroa.   Un cambio que tería unha vantaxe de mobilidade e accesibilidade engadida, posto que, ao entrar, o público xa quedaría ao nivel das dúas bancadas principais.

O proxecto, deseñado pola arquitecta municipal, tamén contempla a construción dunha pérgola duns 35 metros de lonxitude que cubra tanto ese acceso como a entrada ao patio cuberto do CPI. Deste modo garantirase que en días de chuvia a rapazada do centro de ensino non teña que agardar polo transporte á intemperie. Ambos espazos comunicaranse mediante unha rampa continua e co desnivel máximo que indica a normativa de accesibilidade. Xunto co pintado, a instalación de iluminación led e os distintivos exteriores, esta parte das melloras cuantifícase en 76.668 euros.

Outra das actuacións -neste caso financiada pola Secretaría Xeral para o Deporte con 45.426 euros- consistirá no cambio da superficie de xogo estendendo un pavimento deportivo de PVC multicapa de 7 milímetros de grosor que ofreza maior capacidade de absorción dos impactos. Deberá cumprir coas correspondentes certificacións da normativa UNE e, ademais, dispor -como mínimo- da homologación esixida polas federacións internacionais de baloncesto, volei, balonmán e bádminton.

Entre a remodelación exterior e a substitución da cancha, o investimento no espazo estímase en algo máis de 122.000 euros. A maior parte dese importe será asumido directamente con fondos municipais, despois de que o pasado mes de maio se aprobase destinar 604.970 euros de remanentes tanto a obras como a equipamentos, como son a reparación de pistas, a merca dun camión para a recollida do lixo porta por porta, un novo tractor equipado con rozadora e a cobertura do patio interior do pazo, pendente da autorización de Patrimonio. Case o 40% dese total -230.000 euros- resérvase para a construción do saneamento de Silvalonga e A Portela e para a modernización da EDAR de Cornide.

Share.