Concello e Aldebarán-Intasa rubrican o convenio anual para a promoción do volei no municipio

0

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e o presidente do club de volei Aldebarán-Intasa, Juan Manuel García, asinaron hoxe ao mediodía na Casa do Concello o convenio a través do que a administración local lle achegará este ano á entidade un total de 18.000 euros -un 20% máis que o ano pasado- para o desenvolvemento das súas actividades, entre elas o mantemento das escolas municipais desta disciplina. O clube conta nestes momentos con sete equipos nas distintas categorías das ligas provincial e galega, ademais da escuadra da SM2. O primeiro equipo desprazarase esta fin de semana a Tenerife na procura dunha victoria que lle asegure o remate ligueiro nos postos de cabeza e que, ademais, certifique unha das temporadas máis exitosas do clube.

O Aldebarán-Intasa de voleibol percibirá 18.000 euros, o que supón incrementar a achega municipal en 3.000 euros con respecto ao ano pasado. Esta contía destinarase a gastos federativos e ao custe de monitoraxe das escolas deportivas desta disciplina de longa tradición en San Sadurniño. O 50% do convenio pagaráselle ao clube nos próximos días, mentres que os 9.000 euros restantes ingresaranse en dous prazos: o primeiro en xullo e o segundo en decembro cadrando coa xustificación dos gastos.

Mediante este convenio o clube comprométese a manter as escolas durante nove meses ao ano e a colaborar coa administración local na promoción e na organización de eventos deportivos. A cambio, ademais da contía reflectida no acordo, o Aldebarán tamén terá un acceso preferente ao pavillón municipal ao tempo que continuará dispoñendo dun local no propio recinto, correndo o Concello cos gastos de mantemento das instalacións.

Entre as escolas e os equipos en competición, o Aldebarán-Intasa move 100 deportistas de distintas idades. As escolas contan con grupos en benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil. Un total de 80 participantes de entre 6 e 18 anos repartidos a partes iguais entre rapazas e rapaces. Canda eles e elas cómpre contar os 20 compoñentes dos equipos senior feminino e masculino.

Este último equipo disputará o sábado en Tenerife o último partido da liga contra o Playas de Médano. O encontro, que se xogará ás 17.00h., ofreceralle ao Aldebarán-Intasa a oportunidade de asegurar o cuarto posto na táboa clasificatoria. Unha cuarta posición que serviría para certificar un peche de temporada histórico no que o equipo se fixo coa Copa Príncipe e logrou converterse durante varias xornadas en firme candidato ao ascenso á máxima categoría do volei estatal.

O presidente do clube, Juan Manuel García Cobelo cualificou a obtención da copa como “algo magnífico” e engadiu que, tras tres anos “buscando o noso sitio” na liga, o feito de quedar entre os catro primeiros “dá moita ilusión para buscar un obxectivo maior de cara ao ano que vén, como pode ser o ascenso ou as primeiras prazas da SM2”.

Share.