Concello, a AGFA a Casa do Mel abren as inscricións para os cursos de fructicultura e apicultura

0

De cara ao inicio da primavera, o Concello, a AGFA e a Casa do Mel de Goente colaboran para ofertarnos formación técnica no campo da apicultura e da fructicultura. Organizaranse dous cursos que serán gratuítos para veciñanza empadroada en San Sadurniño, un deles centrado nos labores que cómpre facer neste momento nas árbores froiteiras e outro que tratará ao longo de catro xornadas a iniciación no mundo do mel e as abellas. As inscricións hai que facelas chamando ao 981 490 027. As prazas son limitadas. Por outra banda, o Concello tamén ten programado para abril e maio o ciclo “Apostando polo sector primario” co que se pretende rodear a Feira da Plantación que debería celebrarse o domingo 26 de abril. O concelleiro responsable da área de Desenvolvemento local, Manolo Varela, sinala que o Concello non descarta suspender a feira se así o aconsellan as medidas de contención do coroavirus. En calquera caso a decisión tomarase en base a como evolucione a situación nas próximas semanas e, máis que nada, “seguindo as indicacións das autoridades sanitarias e, sobre todo, o sentido común”.

O curso de iniciación á fructicultura desenvolverase os días 29 de marzo, 4, 5 e 18 de abril, de 9.30 a 14.30h. Ignacio Bellas encargarase de impartir esta acción formativa da Asociación Galega da Froita Autóctona dirixido a persoas que queiran  mellorar os seus coñecementos ou empezar no apaixoante mundo da produción das árbores froiteiras. A actividade abordará maiormente os traballos que se deben facer neste tempo e deixarase un día para o verán, coa finalidade de ver prácticas propias desa estación.

A teoría darase na Casa da Xuventude e para as prácticas acudirase á horta de conservación Carlos Fornos. O curso é de balde para a xente de calquera parroquia de San Sadurniño e para persoas socias da AGFA. Para o resto, 40€. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata as 14.00h. do día 26 de marzo chamando ao Concello. Hai 25 prazas dispoñibles e deberán xuntarse alomenos 10 solicitudes para levar adiante a actividade.

O outro curso que se organiza, o de iniciación á apicultura, está programado para os días 19 e 25 de abril, 2 e 3 de maio, de 9.00 a 14.00h. Durante esas catro xornadas veremos a bioloxía do enxame, o funcionamento da colmea e a importancia de coidar ben este tipo de gando (si, as abellas están consideradas oficialmente como gando). Tamén se tocará a instalación do apiario, cal é a flora melífera, a reprodución do enxame e a saúde das abellas. O último día resérvase para falar da produción e da comercialización de mel, pole, própole, xelea e cera.

A formación teórica tamén se impartirá na Casa da Xuventude, mentres que as prácticas se farán no apiario da Cortiña. Está prevista, ademais, unha visita á Casa do Mel de Goente. O último día para apuntarse é o 16 de abril ás 14.00h. Terán prioridade as veciñas e veciños de San Sadurniño e persoas asociadas á Casa do Mel. En ambos casos o obradoiro é gratuíto, mentres que para o resto de inscricións o prezo serán 40€. É necesario xuntar un grupo de 10 persoas como mínimo e de 20 como máximo.

Segundo sinala o concelleiro responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela, estas accións encádranse “na colaboración que mantén o Concello coas entidades do sector primario, de cara a mellorar a formación e potenciar as posibilidades do medio rural”.

O concelleiro avanzou que durante catro venres dos meses de abril e maio tamén se vai levar a cabo o ciclo “Apostando polo sector primario”, que ofrecerá outras tantas charlas centradas nas pragas e enfermidades das árbores froiteiras, sobre sanidade apícola, ao respecto da comercialización de horta, froita e lácteos no marco do novo decreto de Artesanía Alimentaria e, por último, sobre a comunicación dixital como ferramenta de posicionamento no mercado.

Estas xornadas son con entrada libre e veñen complementar nos días anteriores e posteriores a programación da Feira da Plantación que, “se non hai novidade”, se debería celebrar o domingo 26 de abril. O “se non hai novidade” de Varela atende á posible evolución das alertas sanitarias que poidan producirse sobre o coroavirus, habida conta de que xa se está anunciando a suspensión de eventos similares, como por exemplo a Feira do Queixo de Moeche deste domingo.

O concelleiro móstrase prudente indicando que, a día de hoxe, “sería prematuro anunciar a suspensión da Feira da Plantación, pero é unha posibilidade que está aí e que debemos contemplar”. “En calquera caso -prosegue o concelleiro- falta mes e medio e a decisión tomarase seguindo as indicacións das autoridades sanitarias e, sobre todo, o sentido común”.

Share.