Con Suma Conciencia propón para marzo un obradoiro de radio

0

O colectivo Con Suma Conciencia continúa argallando propostas participativas nas que se xuntan a cultura, o lecer, o respecto polo ambiente e, en resume, os xeitos de conducir a sociedade cara a un mundo distinto e sostible. Comezaron 2017 con actividades centradas na música, no teatro, na artesanía e, a partir de marzo, tamén se meterán a fondo coa produción radiofónica. E é que os días 4, 11, 18 e 25 ofrecerán un curso acelerado para aprender a facer radio desde a casa. As persoas socias da entidade poderán asistir gratis, mentres que as non socias terán unha cota de 20€. As inscricións poden facerse no 649.929.917.

Do curso encargarase Sabela Cinza, quen conta cunha longa experiencia na impartición de obradoiros radiofónicos. Con Suma Conciencia titulou a actividade como “Toma os micros. Manual básico para unha Radio de Guerrilla” e con ela búscase traballar sobre a difusión de contidos, a experimentación de formas horizontais de comunicación e a innovación técnica desde radios deslocalizadas, itinerantes e áxiles.

Un ordenador, un micro e unha conexión a internet son máis que suficientes na actualidade para emitir chegando a unha audiencia potencial de millóns de persoas. Porén, non todo é cousa da tecnoloxía, senón que tamén fai falla algo interesante que contar e saber facelo. E aí é onde vai Con Suma Conciencia con este curso, que estará estruturado en catro sesións-

A primeira delas tratará a historia e a evolución da radio, os tipos e características do medio, o organigrama radiofónico e en que consisten as radios libres e comunitarias, tamén chamadas “radios de guerrilla”. O segundo día de curso falarase dos formatos de programa, os elementos necesarios para poñer un en marcha, a guionización e a práctica da estruturación e redacción dun espazo. As prácticas de gravación deixaranse para a terceira sesión e na cuarta e última falarase sobre a edición e os xeitos de emitir ao vivo ou a través de podcast.

O curso desenvolverase os sábados de marzo -4, 11, 18 e 25- en horario de 17 a 19.00h. na antiga escola de Silvalonga. Será gratuíto para as persoas pertencentes a Con Suma Conciencia mentres que o resto deberá pagar 20 €. As inscricións poden facerse no teléfono 649.929.917 e hai máis información no blog da entidade: consumaconcienciablog.wordpress.com

Información veciñal
Lembramos que aquelas entidades veciñais, clubes e colectivos que queiran publicitar os seus eventos a través da web, do boletín Novas, das redes sociais municipais e do mupi da avenida Marqués de Figueroa deben enviar a información ao correo concellodesansadurnino@gmail.com ou correo@sansadurnino.gal.

É importante que cando se envíen informacións para publicar  se inclúan no correo algúns datos imprescindibles. No caso de eventos ou actividades organizados por asociacións: nome do evento/actividade, unha pequena descrición, a data, os horarios, os prezos e as datas límite de inscrición, se os houbese.

Tamén é de axuda enviar o cartel ou algunha fotografía referencial. Deste xeito o Concello poderá publicar a actividade no Novas e noutros soportes, como a web, o facebook, o twitter ou como previsión informativa para os medios comarcais.

Share.