Con suma Conciencia prepara dous obradoiros sobre decoración e plantas para os días 16 e 23 deste mes

0

O colectivo Con suma Conciencia ten entre os seus obxectivos dar a coñecer xeitos de vida alternativos comprometidos co ambiente e co desenvolvemento persoal a través da creatividade. Exemplo disto son os dous talleres que organiza a asociación durante o mes de xullo. O primeiro deles, previsto para o 16 de xullo, mostraranos como converter anacos de vidro en vistosos obxectos decorativos -pantallas de lámpadas, vidreiras, etc.- nos que se xuntan cores rechamantes, formas irregulares e os efectos da luz ao pasar a través delas. A segunda proposta, organizada para o sábado 23, será unha combinación de ruta pola natureza e obradoiro no que as persoas participantes descubrirán algunhas plantas coas que poder protexer de pragas os seus xardíns e hortas. Para inscribirse nestas actividades pode chamarse aos teléfonos da asociación: 650 651 436, 619 933 819 e 649 929 917.

O obradoiro sobre vidro será máis ben unha sesión demostrativa sobre a técnica Tiffany ideada nos Estados Unidos a mediados do século XIX. Consiste en pintar anacos de vidro que despois van ao forno para fixar a cor. O resultado é unha materia prima que despois se corta en pezas máis pequenas para elaborar a partir delas vidreiras policromadas, lámpadas, marcos de espellos e todo tipo de obxectos decorativos translúcidos.

A sesión impartiraa  Agustina Motas o sábado 16 entre as 11.30 e as 13.30h. Motas é unha experta na técnica que explicará o proceso de corte e pulido das pezas xa tintadas e o xeito en que se deben encintar e soldar para crear auténticas obras de arte. O prezo da actividade é de 5 euros para persoas socias de Con suma Conciencia e de 15 euros para quen non forme parte da entidade. A intención da asociación é facer á volta do verán un obradoiro máis amplo -unhas 16 horas- sempre e cando exista un número mínimo de persoas interesadas nesta disciplina.

Protexerse de pragas sen produtos químicos de síntese
A segunda iniciativa impulsada por Con suma Conciencia é unha xornada que nos descubirá como podemos protexer as hortas e xardíns de múltiples pragas sen necesidade de insecticidas ou funxicidas comerciais. Estará estruturada en dúas partes: a primeira será un paseo polo contorno de Silvalonga para descubrir as propiedades de plantas silvestres das que se poden extraer sustancias activas. Plantas que mesmo se poden trasplantar preto dos cultivos para que potencien as colonias de insectos beneficiosos ou para que fagan de espantallos naturais de ácaros, mosquitos, moscas e outra fauna prexudicial cando pasa de certos niveis.

Outro asunto do que seguramente se fale será o da importancia de manter o equilibrio natural do ecosistema como principal factor de protección dos vexetais, posto que as pragas son case sempre o resultado da intensificación dos cultivos e das resistencias que se crean por causa do uso abusivo dos praguicidas.

A charla ofreceraa Carlos Barbado o sábado 23 de xullo entre as 18 e as 21.30h. O prezo da sesión será de 5 euros para persoas que non pertenzan a Con suma Conciencia, mentres que as socias poderán asistir de balde.

Para coñecer outras iniciativas e obter máis información sobre estes obradoiros pode consultarse o blog da asociación ou a comunidade en FacebookOs dous terán lugar na antiga escola de Silvalonga.

Share.