Comunicación previa das lumeiradas do San Xoán (e do San Pedro)

0

Cada vez quedan menos días a noite do San Xoán, a máis curta e quizais unha das máis festeiras do ano. A noite das sardiñas a prezo de percebes  é tamén a do lume, con fogueiras aquí e acolá que desde xa hai algún tempo deben comunicárselle ao Distrito forestal para que as teña todas controladas. Abonda con cubrir a ficha que hai ao pé desta nova e rexistrala no Concello. Este ano xa andan facéndolle publicidade ás súas “saltas” a Asociación Veciñal O Castelo de Naraío -na noite do 23-, a Comisión de Festas Santa Isabel 2016 -tamén o 23- e a Asociación de Veciños Adiante de Igrexafeita, que agarda ao venres 24 para a súa cacharela. Nalgúns lugares -cada vez menos- hai tamén lume polo San Pedro e, igula que no caso do San Xoán, tamén temos que comunicalo.

A tradición manda e por todo o concello haberá ducias de fogueiras que saltar antes de continuar cos rituais dunha noite coa que se lle dá a benvida ao verán. Para que non haxa sorpresas desagradables cómpre tomar algunhas precaucións:

-Non deben facerse fogueiras dunha altura elevada

-Non debe facerse a fogueira preto de lugares con vexetación

-Non está permitido prender a fogueira se existe un exceso de vento

-Cómpre evitar usar nas fogueiras materiais que xeren grandes charamuscas (pólas de eucalipto con follas secas, papeis, etc…) que poden chegar acesas moi lonxe

-É necesario ter auga preto para actuar ante posibles escapes

-Non se permiten empregar na fogueira materias contaminantes (pneumáticos, aerosois…)

-Cómpre deixar a fogueira completamente apagada antes de marchar

-En caso de haber algún problema hai que chamar ós teléfonos 085 ou 112 (a chamada é gratuíta)

Todos estes consellos veñen recollidos no modelo de solicitude de autorización publicado polo Concello. Quen vaia organizar unha salta -aínda que sexa na casa- terá que cubrir a solicitude e presentala no rexistro municipal para levar un control máis exhaustivo dos focos que vai haber tanto na noite do 23 -que cadra martes- como na fin de semana anterior.

A autorización asinaraa o alcalde e recolle, ademais, os compromisos que adquire o solicitante, como é o de facer unha devasa rozando ou retirando o material combustible nun radio mínimo de cinco metros desde o borde da fogueira; o de non poñerlle lume se hai vento e apagar a fogueira inmediatamente se levanta o aire; non marchar ata que o lume estea totalmente apagado e, por último, o de contar con todos os medios e persoal necesarios para ter controlado o lume.

Descargas:
Folla comunicación das fogueiras de San Xoán e San Pedro.

Share.