Comunicación previa das fogueiras do San Xoán e do San Pedro

0

A chegada do verán está á vota duns días co San Xoán como data de inicio oficiosa. A rapazada acabou a escola, as noites son as máis curtas do ano e no ambiente aléntase unha certa euforia que culmina con ducias de fogueiras e co arrecendo de sardiñas e/ou churrascos. Este ano o 23 de xuño cadra en venres e son varias as entidades do municipio que teñen programadas lumeiradas para ese día e para o seguinte. Tamén hai fogueiras informais organizadas por veciños e veciñas dun mesmo lugar e hai quen as arma na casa xuntando para a ocasión a toda a familia. Incluso queda quen mantén a tradición de celebrar con lume a véspera do San Pedro, aínda que a cousa vaia a menos cada ano que pasa. En calquera caso, o primeiro no que hai que pensar é na seguridade e na obriga de comunicar previamente a data e o lugar da lumeirada. Para iso hai que cubrir unha folla normalizada e entregala no rexistro do Concello.

A tradición manda e por todo o concello haberá ducias de fogueiras que saltar antes de continuar cos rituais dunha noite coa que se lle dá a benvida ao verán. Para que non haxa sorpresas desagradables cómpre tomar algunhas precaucións:

  • Non deben facerse fogueiras dunha altura elevada
  • Non debe facerse a fogueira preto de lugares con vexetación
  • Non está permitido prender a fogueira se existe un exceso de vento
  • Cómpre evitar usar nas fogueiras materiais que xeren grandes charamuscas (pólas de eucalipto con follas secas, papeis, etc…) que poden chegar acesas moi lonxe
  • É necesario ter auga preto para actuar ante posibles escapes
  • Non se permiten empregar na fogueira materias contaminantes (pneumáticos, aerosois…)
  • Cómpre deixar a fogueira completamente apagada antes de marchar
  • En caso de haber algún problema hai que chamar ós teléfonos 085 ou 112 (a chamada é gratuíta)

Todos estes consellos veñen recollidos no modelo de solicitude de autorización publicado polo Concello. Quen vaia organizar unha salta -aínda que sexa na casa- terá que cubrir a solicitude e presentala no rexistro municipal para levar un control máis exhaustivo dos focos que vai haber tanto na noite do 23 -que cadra venres- como nos días posteriores.

A autorización recolle, ademais, os compromisos que adquire a persoa ou entidade solicitante, como é o de facer unha devasa rozando ou retirando o material combustible nun radio mínimo de cinco metros desde o borde da fogueira; o de non poñerlle lume se hai vento e apagala  inmediatamente se levanta o aire; non marchar ata que o lume estea totalmente apagado e, por último, o de contar con todos os medios e persoal necesarios para ter controlado o lume.

Descargas:
Folla comunicación das fogueiras de San Xoán e San Pedro.

Share.