Comprar en San Sadurniño este Nadal volverá ter premio(s)

0

O ano pasado, debido á situación causada pola COVID-19 que afectou directamente a moitas empresas locais, un grupo de comercios, establecementos e profesionais de San Sadurniño decidiron unirse para colaborar e organizar unha campaña de promoción do consumo local nas datas de Nadal. Así naceu a campaña “No Nadal, consumo local” que, debido ao bo resultado que deu, tamén se vai repetir neste 2021. Por esta razón o Concello convida aos locais comerciais para que se sumen á iniciativa entregando rifas ás persoas consumidoras para entrar no sorteo de seis fantásticas cestas. Todos aqueles establecementos que queiran adherirse á campaña deberán chamar ao 981 490 027 ou enviar unha mensaxe a correo@sansadurnino.gal ata o día 19 deste mes de novembro, co obxectivo de que “No Nadal, consumo local” bote a andar a primeiros de decembro.

O sistema vai mudar un chisco con respecto ao 2020. Así, haberá unha diferenciación segundo a cantidade do gasto realizado, de modo que as compras inferiores a 10 euros recibirán un boleto para o sorteo de tres cestas, valoradas cada unha delas en algo máis de 60 euros.

Por outra banda, os gastos que superen os 10 euros recibirán unha rifa para participaren no sorteo doutras tres cestas, neste caso valoradas nuns 130 euros, cargadiñas de produto de proximidade, ademais doutros agasallos.

A campaña iniciarase o día 1 de decembro e rematará o 22. Durante ese tempo en todos os locais participantes haberá unha urna para botar nela unha tarxetiña na que deberemos poñer o noso nome e teléfono de contacto.

É importante ter en conta que esas tarxetas numeradas se entregarán por cada pago que se faga e sen que se poida dividir o seu importe polo número correspondente de papeletas.  Por exemplo, cunha compra de 50 euros recibiremos unha rifa para entrar no sorteo das tres cestas de maior valor, non dez. Iso si, se ao día seguinte imos ao mesmo establecemento -ou a outro- e gastamos outros 50 euros, volverannos entregar outro boleto para que o botemos na urna. Dito doutra maneira: cantas máis compras fagamos, máis posibilidades de levar premio.

O sorteo das cestas terá lugar o día 28 de decembro nun acto público que se celebrará ao mediodía no salón de plenos da casa consistorial. O Concello contactará directamente coas persoas agraciadas e está previsto que a entrega das cestas se faga o día 29 de decembro ás 12:00h, tamén no salón de sesións do Concello.

Así que, xa sabedes: todo o mundo a facer gasto en San Sadurniño. Hai de todo, de boa calidade e con prezos ben xeitosos… e tamén premios. E se tes un local, únete á campaña chamando ata o 19 de novembro ao 981 490 027 ou mandando un mail a correo@sansadurnino.gal.

Share.