Completo o “Á xunta da noite” deste venres en Bardaos

0

A Concellaría de Cultura xa non anota máis reservas para a segunda velada “Á xunta da noite” que terá lugar este venres en Bardaos. A razón é que se cubriu a totalidade do aforo ofertado, 100 persoas, seguramente por mor do tirón dos dous convidados, Pepo Suevos e Luís Zahera, aos que non é doado ver de balde, ao aire libre e con pouco público. Porén, quen quedase sen sitio para o encontro que terá lugar na pista polideportiva da parroquia aínda terá máis ocasións de gardar sitio no programa cultural promovido polo Concello que percorrerá todo o territorio até setembro. A seguinte cita será o venres 31 ás 20.00h. ao pé da capela de Santo Estevo do Camiño Arriba. Hai que reservar no correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou no teléfono 616 332 919.

“Á xunta da noite” arrancou con grande éxito o pasado venres en Ferreira, onde se reuniron preto dun cento de veciñas e veciños na explanada de San Cristovo para asistiren a un pequeno concerto das escolas de pandeireta seguido da actuación do Mago Teto e, como peche, dunha escolma de pezas moi populares interpretadas polo grupo de cantos de taberna “Os Pereiros” de Moeche.

As cen localidades dispoñibles colocáronse por razóns preventivas cunha separación mínima de 1,5 metros e, ademais, todo o perímetro do evento estaba pechado cunha cinta e había marcados puntos distintos de entrada e saída. No acceso principal indicábaselle ao público a obriga de levar máscara -todo o mundo a traía posta- e de desinfectar as mans, ademais de ter ben á vista outra información preventiva que todas e todos debemos ter moi en conta para minimizar a posibilidade de contaxios.

Ese mesmo protocolo será o que se poña en práctica no “Á xunta da noite” deste venres na polideportiva de Bardaos. Xa non hai entradas, pero quen puidese facerse cunha reserva deberá seguir escrupulosamente todas as recomendacións sanitarias que, ademais, cambiaron desde a semana pasada no referido ao uso da máscara, agora obrigatoria en todos os espazos públicos ou abertos ao público, independentemente de que se poida gardar ou non a distancia mínima de seguridade de 1,5 m.

“Á xunta da noite” proseguirá todos os venres até o 18 de setembro, sempre á mesma hora -as 20.00- e cada día nun lugar distinto. Se non se pode ir a Bardaos por non ter reserva, non pasa nada, aínda quedan unha chea de propostas.  Iso si, todas elas están limitadas a un máximo de 100 persoas e na asignación de localidades priorizarase a veciñanza de cada parroquia e do resto de San Sadurniño. Irán cubríndose por orde de solicitude que -insistimos- deberá facerse no correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou no 616 332 919 :

  • 31 de xullo: ao carón da capela de Santo Estevo do Camiño Arriba – Escola municipal de cantos de taberna, Peter Punk e a AC Berros do Castro
  • 7 de agosto:  local social da Torre, en Igrexafeita – Escola municipal de gaita, Peter Punk e Grupo de cantareiros do Padroado da Cultura de Narón
  • 14 de agosto: área recreativa de Lamas (localización en Google Maps) – Circus Magníficus, grupo tradicional Os Argalleiros e Lenda Ártabra
  • 21 de agosto: adro da igrexa de Santa Mariña do Monte – Escola municipal de gaitas, Mago Dani García e Escola municipal de cantos de taberna
  • 28 de agosto: ao pé do castelo de Naraío – Non me toques o mandil, Mago Teto, Escola municipal de gaita e Escola municipal de pandeireta
  • 4 de setembro: capela de Santiago de Silvalonga – Escola municipal de cantos de taberna, Isabel Risco e AC Berros do Castro
  • 11 de setembro: ao lado do palco da música de San Paio, Ferreira – Asociación Brío, Circus Magníficus, Mago Dani Martín e Escola municipal de pandeireta
  • 18 de setembro: peche do programa na área recreativa dos Corrás, en San Sadurniño – Escola municipal de pandeireta, Home Cé Orquestra Pantasma e Xoán Padín & Cabe García

O obxectivo deste programa de cultura expansiva polo territorio é reanudar os encontros veciñais cunha fórmula que apela á tradición das farras e repichocas de toda a vida. Ademais tamén se pretende suplir parte das actividades suspendidas polas entidades e darlle cabida ás escolas municipais que este ano quedaron sen peche do curso.

Share.