Como xestionar os residuos domésticos (II): O COLECTOR AMARELO

0

Seguimos coa serie de informacións sobre unha correcta xestión en orixe dos residuos domésticos. Hoxe, cadrando con eses primeiros días do ano en que adoitamos encomendarnos aos bos propósitos, imos falar do colector amarelo co obxectivo de comprometernos todas e todos co seu uso axeitado. E é que o colector amarelo é un dos que máis dúbidas xera e tamén onde habitualmente se encontran un maior número de restos impropios, quizais por descoñecemento sobre a súa utilización ou porque cometamos o erro de pensar que nel hai que botar todo o que sexa de plástico ou con partes de plástico, cando non é así exactamente. Para evitar confusións e mellorar a clasificación do lixo, imos facilitarvos unha pequena lista de referencia facilitada por ECOEMBES sobre que botar e que non botar no colector amarelo.

NON poden botarse no colector amarelo: xoguetes de plástico (mellor doalos e, se non hai máis remedio, deben botarse no colector xenérico verde), biberóns, chupetes, utensilios de cociña, caldeiros de plástico vellos (estes tamén van ao xenérico), vasos de papel, papel plastificado usado en carnizarías e peixarías para envolvernos o produto, friameiras (tupperwares), cápsulas de aluminio do café, moldes de silicona para cociñar, caixas de CDs e DVDs, antigas cintas de vídeo ou casetes, moedeiros e carteiras, bolígrafos, sacapuntas, chisqueiros, neceseres, materiais plásticos de cadros ou fotografías, cueiros, produtos de hixiene íntima, botes tipo “Pringles”, etc. Repetimos, todo o anterior NON PODE IR AO COLECTOR AMARELO

SI deben botarse no colector amarelo: botellas de plástico (de bebidas, suavizantes, de deterxentes e champús, de aceite de cociña, pero non de aceite do coche ou de produtos químicos perigosos); latas de conserva e bebidas; tapas e tapóns de plástico, tapas de metal e chapas (as botellas e frascos que van ao iglú verde do vidro non deben levar tapas nin tapóns); papel e bandexas de aluminio; papel film; aerosois; botes de desodorizante; bolsas de plástico (excepto as bolsas de lixo); terrinas e tapas de iogur; briks de leite, zumes, sopas, etc.; bandexas de corcho branco; tubos de pasta de dentes; caixas de madeira de froitas e verduras; envases de cerámica (si, os envases de cerámica hai que botalos no amarelo, non no do vidro). Recordade, todo o anterior DEBE DEPOSITARSE NO COLECTOR AMARELO.

Facer unha correcta separación en orixe dos residuos domésticos axudará a reducir os custes de mantemento do servizo de recollida e posterior tratamento dos restos. Porén, o máis importante é adoptar condutas de consumo responsable para baixar ao mínimo os refugallos que xeramos, recordando para iso os TRES R: Reducir, Reutilizar e Reciclar.

Se tedes calquera dúbida sobre os tipos de restos que deben depositarse en cada colector do lixo, non dubidedes en preguntarnos cunha mensaxe a través de Facebook, chamando ao Concello -981 490 027- ou a través da aplicación web e para móbil Liña Verde.

Share.