¿Como podemos aforrar na factura da luz?

0

Este xoves comezou en Bardaos e Santa Mariña do Monte a serie de charlas ofrecidas polo Concello e a FAEPAC para informarnos de que maneira podemos reducir considerablemente o que pagamos pola electricidade. Un técnico desta fundación provincial con sede nas Pontes contou cales son os pasos que se deben dar para obter un prezo axeitado ás nosas necesidades e incluso as condicións de acceso ao denominado Bono Social, que conleva descontos dun 25 ou incluso dun 40% no caso das familias máis desfavorecidas. Para aforrar na luz hai cinco cousas que podemos facer: ter electrodomésticos eficientes e un bo aillamento térmico no fogar, pasarnos ao mercado regulado, ter unha potencia contratada inferior a 10 kW, optar pola discriminación horaria e, por suposto, solicitar o Bono Social perante a comercializadora sempre que cumpramos os requisitos de renda.

O encargado de impartir as charlas é Xosé Manuel Golpe, que centra o seu traballo na FAEPAC en asesorar a municipios e tamén particulares da provincia da Coruña en materia de aforro enerxético. Só con ver unha factura é capaz de saber se estamos pagando moito ou pouco pola luz e tamén de darnos algunhas recomendacións para aforrarmos cartos. Onte mesmo en Santa Mariña revisou unha factura de 50€ levada á xuntanza por un veciño. Con datos coma o da potencia e o  tipo de mercado onde a compañía encadrou ao usuario atopou un posible aforro de 18 euros. Case nada. Pero…¿realmente é tan doado rebaixar o que pagamos de luz?. Segundo o técnico da FAEPAC si que o é cando sabemos interpretar a factura para coñecer ben por que conceptos nos están cobrando.

¿Mercado regulado ou libre?
A primeira cuestión que se debe mirar é se estamos no mercado regulado ou no mercado libre. O primeiro opera baixo determinadas condicións establecidas polo Estado, mentres que o segundo se rexe con prezos libres e fixos marcados polas comercializadoras. Saber se estamos nun ou noutro é cuestión de mirar na factura. As de CHC -as máis habituais na nosa zona- levan no encabezamento o logo CHC-COR cando se trata dun contrato do mercado regulado e CHC-Energía se se trata dun contrato de mercado libre. 

Segundo Golpe, o mercado regulado ofrece mellores prezos, e os usuarios e usuarias temos dereito a pasarnos a este mercado se é que, sen sabelo, estamos no liberalizado. O cambio é gratuíto, pero non sempre doado, xa que as comercializadoras tentan por todos os medios que quedemos no mercado libre -o máis rendible para elas- engadándonos con servizos e ofertas que poden non ter nada que ver coa propia subministración de electricidade. Porén, é un dereito que temos e, como tal, debemos facelo valer sen que as empresas de comercialización poidan opoñerse.

A potencia contratada
Cómpre ter en conta que para estar no mercado regulado debemos ter contratada unha potencia inferior a 10 kW., que é máis que suficiente para a maioría dos fogares. De feito, en poucas casas se precisa tanta potencia para a vida diaria. E aí vén a segunda chave do aforro: contratar a potencia que realmente necesitamos. Para iso debemos calcular o noso consumo mirando a potencia de todos os aparellos que haxa na casa e que funcionen conectados á rede -neveiras, conxeladores, vitrocerámica, calefacción eléctrica/acumuladores, ferro de pasar, televisores…-, despois sumarémoslle 1 kW para iluminación e pequenos electrodomésticos e, por último, dividiremos a cantidade resultante entre 3 para obter unha estimación aproximada, que sempre debe estar por riba do consumo do electrodoméstico ou aparello que requira máis potencia. Esa é unha maneira aproximada -insistimos, aproximada- de saber se temos máis potencia da conta contratada.

Se é así, se o noso contrato reflicte unha potencia superior á que precisamos, temos a opción de solicitar que nola rebaixen para adaptala ao que realmente nos fai falla. O trámite custa 10€, pero adoita compensar. Segundo o técnico da FAEPAC  por cada kW que rebaixemos a potencia contratada podemos conseguir un aforro de 60€ ao ano.

Discriminación horaria
Unha terceira cuestión -complementaria das anteriores- é contratar unha tarifa con discriminación horaria. Trátase de elixir entre dúas opcións: contratar a tarifa normal cun prezo fixo todo o día ou contratar a tarifa que ofrece un prezo un 20% máis caro nas horas punta -de 12.00 a 22.00h. no inverno e de 13.00h. a 23.00h. no verán- e un 50% máis barata nas horas “val”, é dicir, de  22.00 a 12.00h. no inverno e de 23.00h. a 13.00h. no verán. Incluso hai a posibilidade de contratar tarifas con tres discriminacións horarias, na que entrarían os consumos nas horas “super val” -de 1.00 a 7.00h.-, cando a electricidade é máis barata.

Facer este cambio esixiranos certa disciplina e modificar algúns hábitos para que o aforro sexa efectivo, como por exemplo prender a calefacción eléctrica nos horarios contratados en que a electricidade  sexa máis barata ou poñer a lavalouzas, lavar a roupa ou usar a secadora tamén dentro deses períodos “val”.

Electrodomésticos eficientes
Por suposto, outra medida que axuda a rebaixar a factura da luz é utilizar electrodomésticos eficientes, que veñen identificados coas coñecidas letras “A” dependendo da electricidade que consuman mentres funcionan. Tal e como comentou Xosé Manuel Golpe nas charlas deste xoves, os electrodomésticos que máis gastan son os frigoríficos e os conxeladores, xa que están acesos e funcionando todo o día os 365 días do ano. Por iso é importante que teñan unha alta cualificación de eficiencia enerxética (a máxima é A+++). Tamén fai falla que teñan libre a parte traseira e que non se atopen instalados preto de fontes de calor -a cociña de ferro ou estancias con moito sol durante o verán- posto que esas condicións obrigaranos a traballar con maior intensidade e, polo tanto, a gastar máis electricidade. Golpe tamén se referiu ao uso de vitrocerámicas e cociñas de indución que, segundo asegurou, “son máis doadas de limpar e máis bonitas, pero polo momento non poden competir co butano”.

Ademais de optar por aparellos eficientes tamén é fundamental usalos de forma racional. Televisores que quedan apagados pero co piloto vermello aceso, microondas, equipos de música, ordenadores que se deixan en stand-by, cargadores de móbil e outros dispositivos que botan horas conectados á rede deben desenchufarse cando non se usen. Para iso é de axuda botar man de regletas con interruptor, o que nos evitará ter que desconectalos fisicamente.

Un último factor que se debe ter en conta nos fogares é o de contar cun bo illamento térmico en fiestras e paredes que, no caso das calefaccións eléctricas, será fundamental para aforrar cartos.

O Bono Social
O quinto e último aspecto -quizais o máis importante- para conseguir unha rebaixa das nosas facturas eléctricas é o acceso ao Bono Social, aínda que para iso é obrigatorio cumprir con determinados requisitos de renda, dado que se trata dunha bonificación dirixida ás persoas con menos recursos económicos.

Os umbrais  para ter a consideración de consumidor/a vulnerable son de 11.279,39 € de renda da unidade familiar -1,5 veces o IPREM- no caso de persoas solteiras -ou viúvas- ou parellas sen fillos; de 15.039,19€ -2 veces o IPREM- se se ten un fillo ou filla a cargo e de 18.798,97€  -2,5 veces o IPREM- se se trata dunha familia  con dous menores a cargo. Para as familias numerosas non hai requisito mínimo nin máximo de renda, igual que para as persoas que perciban a pensión mínima e non teñan ningún outro ingreso. Se existen persoas na unidade familiar cunha discapacidade estes umbrais máximos elévanse incluso ata os 22.558,77 €. En todos estes casos pode obterse un desconto na factura dun 25%.

Porén, cando se trata de persoas que están incluso por debaixo deses niveis de renda –vulnerables severos-, a bonificación será do 40%. Se se está percibindo atención dos Servizos Sociais a bonificación chegará ao 50%. Iso si, o Bono Social ten limitada en cada suposto a cantidade máxima de kW anuais que gozarán de desconto. Enténdese mellor cun exempo: se somos unha parella sen fillos cunha renda máxima de 11.000 euros, teremos bonificados 1.200 kwh. Se consumimos máis desa cantidade, o exceso pagarémolo de acordo coa tarifa que teñamos contratada.

acceso ao Bono Social está condicionado a ter contratados menos de 10 kW de potencia e só se poderá pedir para a vivenda habitual. Tramítase directamente coas comercializadoras achegando a documentación xustificativa. A solicitude deberá volver facerse aos dous anos sempre que sigamos cumprindo os requisitos e, ao revés, se nese tempo deixamos de cumprilos tamén llo deberemos comunicar á comercializadora.

Máis xuntanzas informativas
Se non sabemos como solicitar o Bono Social ou queremos obter máis información sobre todo o relacionado coa nosa factura da luz podemos dirixirnos ao departamento de Servizos Sociais do Concello ou directamente á FAEPAC, que ten a súa sede nas Pontes. Alí mirarannos totalmente gratis os recibos e o contrato que teñamos para dicirnos ao instante se temos maneira de aforrar cartos no consumo eléctrico.

Outra opción é participar nalgunha das catro charlas que este organismo ofrecerá a semana que vén: o mércores 9 de maio en Ferreira -18.00h- e en Lamas ás 20.00h. O xoves día 10 de maio ás 18.00h. o técnico estará en Igrexafeita e ás 20.00h. falará en Naraío. As persoas asistentes poden levar facturas e outra documentación para ver o seu caso particular.

Desde o Concello volve lanzarse o convite para que a estas charlas asista o maior número de público posible, posto que nelas se facilita información moi útil para aforrar cartos.

 

 

 

Share.