Comezan os Venres en Sansa! con drons, mindfulness, zumba, agility e BTT

0

A programación de lecer alternativo Venres en Sansa! arrancará este venres 9 de xuño ás 19.00h. con cinco obradoiros dirixidos preferentemente á mocidade de entre 12 e 35 anos. A oferta é variada e tamén novidosa, xa que as persoas participantes poderán asistir a unha sesión de iniciación ao mundo dos drones ou ben a un encontro introdutorio ás técnicas de relaxación do mindfulness. Na segunda parte da noite haberá outras tres posibilidades: unha clase de zumba, un obradoiro de agility canino e unha ruta nocturna en bici de montaña. As inscricións hai que facelas na Casa da Cultura o mércores como moi tarde. 

Catro das cinco propostas deste primeiro Venres en Sansa! -drons, mindfulness, zumba e agility- teñen prazas limitadas. Esa é a razón de que se lle dea preferencia á mocidade de entre 12 e 35 anos, posto que se trata dun programa pensado para esa banda de idades.

Só no caso de que non se cubran os cupos de cada actividade daráselle entrada a persoas de máis de 35, atendendo sempre á orde de recepción das solicitudes de participación e ao feito de que estean empadroadas no municipio. Se aínda así houbese vacantes, estas poderán cubrirse con xente doutros concellos.

Iso si, a solicitude hai que facela. Para iso hai unha folla de preinscrición na que poderemos sinalar xa a que queremos ir os tres venres que dura o programa. A ficha debe entregarse na Casa da Cultura antes das 14.00h. do mércores anterior a aquela actividade á que nos queiramos apuntar.

Este ano os Venres en Sansa! manteñen a súa filosofía de ofertar actividades variadas para a xente nova atendendo aos gustos expresados a través de enquisas e ao resultado das xuntanzas coa mocidade celebradas no marco do programa europeo ECMYNN. As dúas únicas novidades son a de que reducir a programación a tres venres aumentando os horarios e o número de opcións para cada día.

Neste primeiro venres a rapazada poderá ver  entre as 19 e as 21.00h. como funciona un dron e mesmo pilotalo nun circuíto situado dentro do pavillón municipal. Ao remate desta actividade comezará na Casa da Cultura a sesión de introdución ás técnicas de relaxación do Mindfulness -21 a 23.00h.- e, case ao mesmo tempo, das 21.45 ás 23.00h., teremos no ximnasio do CPI unha clase acelerada de zumba. A última parte da noite, desde as once até a unha da mañá, as alternativas serán un obradoiro de agility canino no patio cuberto do colexio un unha ruta polos carreiros e montes da contorna.

Velaí o programa horario detallado e as prazas dispoñibles para cada actividade. Nestoutra ligazón poden consultarse os obradoiros para os venres seguintes.

Venres 9 de xuño
Obradoiro de drons
Horario: 19.00 a 21.00h.
Nº de prazas: 12
Lugar: Pavillón polideportivo municipal
Idades: 12 a 35 anos
Introdución ao Mindfulness
Horario: 21.00h. a 23.00h.
Nº de prazas: 20
Lugar: Casa da Cultura
Requisito: esterilla e coxín
Idades: 12 a 35 anos
Zumba
Horario: 21.45 a 23.00h.
Nº de prazas: 20
Lugar: Pavillón do CPI
Idades: 12 a 35 anos
Obradoiro de Agility
Horario: 23.00 a 01.00h.
Nº de prazas: 9 persoas con can
Lugar: Patio cuberto do CPI
Idades:12 a 35 anos
Ruta Btt nocturna
Horario: 23.15h.
Nº de prazas: –
Lugar: saída do CPI
Requisito: casco e luz frontal
Idades: máis de 12 anos
Share.