Comezan as xuntanzas para deseñar o cuarto plan municipal de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes

0

Esta mañá desenvolveuse en San Sadurniño a primeira xuntanza preparatoria do IV Plan de Igualdade, á que foron convocados responsables de goberno e grupos políticos. O encontro iniciouse facendo un pequeno repaso do grao de cumprimento do anterior PIOMH que, malia a situación de pandemia e a dificultade para levar a cabo accións presenciais, chegou a executarse nun 50%.

Nestes días van desenvolverse as reunións co tecido social do concello. Para hoxe á tarde están convocadas as asociacións veciñais (18:00h, Salón de plenos). Desde o Concello insístese en que o deseño e a aplicación práctica dun plan de igualdade de oportunidades esixe a máxima participación social. Por este motivo prégaselles ás entidades que acudan ás convocatorias e que o confirmeden antes a través do correo planigualdadesansadurnino@femlegal.es ou dos teléfonos 649 961 394 ou 691 364 236.

O deseño do IV PIOMH de San Sadurniño encóntrase na fase inicial, orientada á recollida de información e propostas entre colectivos, clubes, persoal municipal, institucións, etc. Cara a finais de xullo terase estruturada a información e un esquema aproximado aos contidos finais do plan.

Á volta do verán -seguramente en outubro- o borrador do documento pasará por un segundo proceso de participación para verificar que inclúe todo o que se quere que recolla (estratexias, actuacións concretas, o cronograma para levalas á práctica, etc.). A idea é presentalo en novembro, coincidindo coa celebración do 25-N.

igualdade

Share.