Comezan as obras de mellora da pista entre A Camba e o límite con Moeche

0

O Concello de San Sadurniño  iniciou hai uns días os traballos de mellora da principal estrada que conecta Ferreira de Abaixo co fondo de Moeche. Unha vía que se vai dotar dun ancho maior e de novo firme, que agora será de aglomerado para ofrecer unha mellor adherencia, máis comodidade na marcha e tamén máis seguridade. O proxecto atópase na súa fase inicial, coa execución da limpeza das cunetas que irá seguida posteriormente do tapado de baches e, por último, da extensión da capa de rodadura xunto coa sinalización horizontal. O investimento total ascende a 160.930 euros financiados co Plan Adicional 02/2022 da Deputación da Coruña. O Concello tamén acaba de reparar varias pistas noutros puntos do territorio con cargo a achegas provinciais.

O tramo que xa se está renovando arranca no lugar da Camba, en Ferreira, xusto no cruzamento coa DP-7601 e chega ao lugar de Vigo, en Moeche, pasando por territorio de Lamas. Son 2.140 metros de distancia que nestes momentos teñen un firme irregular e un ancho que varía entre os 3,5 e os 4,5 metros.

Tal e como se definiu no proxecto técnico, as obras permitirán darlle á plataforma un largo medio uniforme de 5,2 metros que se conseguirán ganándolle terreo ás beiravías, onde será necesario facer antes unha limpeza en profundidade, instalar conducións de drenaxe de pluviais e, en certos puntos, incluso construír novas bases para retranquear a situación de varios colectores do lixo.

As operacións que se están acometendo durante estes días encóntranse precisamente na fase preparatoria inicial, coa retirada de terra e vexetación das cunetas que, inmediatamente despois irá seguida da corrección de fochancas e desniveis pronunciados na pista actual, que será a base principal do novo firme aglomerado.

Cómpre recordar, por outra banda, que o Concello de Moeche ten en marcha un proxecto similar para reparar o tramo desde Vigo até a Ponte do Sur, de maneira que entre as dúas Administracións locais se acondicionarán practicamente ao mesmo tempo os algo máis de catro quilómetros deste eixo viario, principal enlace polo sur entre San Sadurniño e Moeche.

Do arranxo do eixo A Camba-Límite con Moeche encárgase a construtora José No Mantiñan e Hijos, quen tamén resultou adxudicataria dos traballos para aglomerar a pista entre A Chabola e O Chao de San Cristovo (Ferreira) xunto coa formación dunha senda peonil, que suporán outros 82.500 euros de investimento. Nese punto as obras están un chisco máis avanzadas, posto que xa se completou a limpeza de gabias e a preparación da base, quedando pendente polo tanto para cando mellore o tempo o extendido da nova capa de rodadura e a construción da zona de paso para viandantes.

Outras obras xa rematadas ou de comezo inminente
O arranque das obras na pista que discorre por Ferreira e Lamas coincide no tempo co inicio inminente ou o remate doutros proxectos financiados con achegas provinciais  e europeas canalizadas pola AGADER.

É o caso do programa de pavimentación de camiños na  O Cal – A Pereira (Santa Mariña), A Veiga  – Límite con Valdoviño (Bardaos), as Calvelas (Santa Mariña) e un pequeno tramo en Cornide, que abranguen no seu conxunto algo máis de 2,5 quilómetros de trazado municipal.

Noutro paquete acollido ao POS+ 2022 tamén quedaron listas pistas en Lamas e Naraío, concretamente os camiños públicos de acceso a dúas vivendas en Vilarxá, un tramo da subida ao Furado, a pista principal de Penacastrelo e o seu enlace con San Xiao, a conexión de Piegolongo coa área recreativa de Lamas e, na mesma parroquia, a pista que une Vilar e Felgosa, engadindo outros 2,7 quilómetros ao cómputo xeral de melloras viarias. Outros 1.475 metros totais -xa amañados- da pista O Castelo – A Fraguela (Naraío) e da que vai do Chao de San Cristovo ao desvío do Xestal, financiáronse co Plan de camiños da AGADER do ano pasado.

Desde o Goberno local recórdase, por último, que a finais do ano pasado aprobouse unha modificación orzamentaria para incorporar remanentes propios do ano anterior cos que se habilitou unha nova partida económica superior aos 87.000 euros dirixida a reparacións viarias que ou ben xa concluíron ou ben están en marcha. Son a renovación da pista entre Vilarvello e Tiraz -rematada hai varias semanas- e un  paquete conxunto para alongar a vida útil de varios camiños en Ferreira, Igrexafeita e Naraío, xunto con rebacheos en Cornide, Os Currás, A Rubiña e A Castiñeira.

Share.