Comezan as obras da potabilizadora do Camiño Arriba

0

Os depósitos da futura potabilizadora do Camiño Arriba van collendo forma a pesar de que as obras empezaron esta mesma semana. Tras desmontar a zona o luns, a empresa que se encarga do proxecto deulle brío aos traballos e entre onte e hoxe xa teñen moi avanzada a cimentación e mesmo se intúe mirando a ferralla o tamaño e a distribución que terán as instalacións. A súa función, unha vez estean rematadas, será dobre. Por unha banda almacenarán a auga proveniente dunha captación situada nas proximidades e, por outra, contarán con elementos filtrantes e de tratamento tal e como esixe a normativa de auga para consumo domiciliario. O proxecto ten un custe de 34.000 euros sufragados con cargo á liña non competitiva do Fondo Ambiental. Trátase dunha infraestrutura demandada pola veciñanza da zona a raíz dos problemas de abastecemento e de calidade das augas que veñen arrastrando desde hai anos.

A zona do Camiño Arriba é, xunto co Camiño Grande -en Igrexafeita-, unha das que máis acusan a falta de auga. No monte de Pena Escrita hai varias captacións  que foron indo a menos por mor do descenso das chuvias e dos veráns cada vez máis longos. A este problema hai que sumarlle o da mala calidade da auga, debida a instalacións que carecen de respiradoiros nin elementos filtrantes, pero tamén á penetración de raíces dos eucaliptais próximos e á proliferación de microorganismos no interior dos pozos. Factores que desaconsellan en moitos casos consumir a auga sen antes tratala de forma axeitada e razón pola que o Concello, en colaboración coa veciñanza, buscou un novo manancial capaz de abastecer toda a zona.

A auga apareceu pegadiña á pista polideportiva a escasos 25 metros de profundidade, en cantidade máis que suficiente e cunha calidade excepcional en canto á súa composición e pureza. Nun monte anexo á pista, a escasos quince metros do punto de captación é onde se está construíndo a pequena ETAP, que terá unha capacidade de almacenaxe de 50.000 litros repartidos en dous depósitos, ademais de levar un sistema de bombeo e elementos de filtraxe e de clorado. A maior parte da edificación vai encaixonada no ribazo do monte, de maneira que desde fóra só se verá unha pequena parede coa porta de acceso, mentres que o resto das instalacións quedarán ocultas no propio terreo.

Logo virá a segunda parte, a da construción dunha rede de abastecemento e a conexión dos domicilios da zona. O Concello baralla dúas posibilidades. A primeira é preparar unha memoria valorada da rede que será necesaria e que despois sexa a veciñanza quen se encargue de construila e xestionala por medio dalgunha fórmula asociativa, como podería ser unha comunidade de augas.

A segunda opción é que o Concello se encargue directamente do sistema de condución aos domicilios, co que as persoas usuarias terían un servizo semellante ao que hai na zona urbana. A elección dunha fórmula ou outra será algo que se consensúe coa veciñanza, a quen xa se lle adiantaron ambas posibilidades nun encontro mantido o pasado mes de marzo.

O investimento que se está levando a cabo nesta fase inicial supera os 34.000 euros, provenientes do Fondo Ambiental ao que poden acollerse aqueles municipios con instalacións eólicas no seu territorio. O fin último da nova infraestrutura é “solucionar nesta zona os problemas que teñen coa auga, ben por falta dela ou pola súa mala calidade”, comenta Secundino García. O alcalde lembrou tamén que o arranque da obra “supón o impulso definitivo a algo no que levamos traballando man con man coa veciñanza desde hai arredor de dous anos”.

A este respecto, García sinalou, ademais, que o Goberno Local continúa “buscando solucións” para o caso dos lugares do eixo A Torre-O Camiño Grande, en Igrexafeita. Alí o problema coa auga é outro. Hai moita e moi abundante, pero cunha composición en minerais e metais que desaconsellan o seu uso para o consumo humano e incluso en lavadoras, lavalouzas e outros electrodomésticos. “En Igrexafeita fixéronse catas e todas elas co mesmo resultado, xa sabido pola veciñanza. Hai auga, pero encóntrase nun subsolo de grande complexidade e variedade xeolóxica, polo que atopar un acuífero axeitado é unha lotaría. A auga contén ferro e outros minerais que acaban estragando bombas, quentadores e calquera aparello ou equipamento metálico polo que pase, ademais de non ter uns parámetros axeitados para o seu consumo. A cousa non ten solución doada e seguramente haxa que traer a auga por gravidade desde a outra banda do río ou incluso desde o Forgoselo. Iso é o que se está mirando neste momento para ver que opción é a máis viable técnica e economicamente”, explicou o alcalde.

Share.