Comeza a Semana Europea da Prevención de Residuos

0

A Semana Europea da Prevención de Residuos -en inglés European Week for Waste Reduction (EWWR) é un proxecto cofinanciado polo programa Life+ da Comisión Europea que busca promover e implantar accións de sensibilización ambiental por medio das coñecidas como 3R: a redución, a reutilización e a reciclaxe. Para iso, a Federación Galega de Municipios e Provincias acaba de poñer en marcha a campaña Ecoluciona, composta por material audiovisual no que se dan pequenos consellos sobre como poñer en práctica as 3R na vida diaria. Cousas tan simples como por exemplo reducir a cantidade de envoltorios e envases que consumimos, evitar desfacernos de comida en bo estado tanto en casa como en restaurantes, fomentar o intercambio e a compravenda de produtos en desuso, desfacernos de electrodomésticos ou baterías correctamente ou limitar o uso de produtos contaminantes no fogar.

A  Semana Europea de Prevención de Residuos celébrase anualmente para concienciar sobre a correcta xestión dos refugallos a nivel europeo, actuando tanto desde entidades privadas como desde organismos públicos. Nesta edición, a EWWR pon o foco na eliminación de elementos perigosos, tales como produtos químicos, contaminantes, de limpeza, baterías, etc. coa finalidade de crear conciencia social sobre o seu correcto tratamento.

Malia que todos os consellos se deben poñer en práctica a diario, a campaña desenvolverase ata este domingo 25 de novembro dándolle visibilidade a través das redes sociais cunha serie de vídeos producidos pola FEGAMP baixo o título “Ecoluciona”, que xunta nunha mesma palabra o concepto de evolucionar cara a hábitos máis ecolóxicos.

Así, o primeiro vídeo ocúpase de recordarnos que sempre é mellor ter unha bolsa reutilizable que andar gastando bolsas plásticas que, se cadra, non acaban sendo reutilizadas ou recicladas como deberían. Outra das pezas aborda a necesidade de evitar o exceso de envoltorios, procurando mercar produtos por xunto ou ben aqueles que veñan nun único paquete. Tamén se menciona noutro dos vídeos a posibilidade que hai de pedir a comida que nos sobre cando imos a un restaurante, co que evitaremos estragar alimentos. Relacionado con esta última cuestión, a da comida, aconséllase ademais utilizar termos ou friameiras reutilizables en vez de envases de usar e tirar.

Por outra parte, na campaña hai varios vídeos dedicados aos electrodomésticos onde nos insisten en que usemos  pilas recargables e en levar ao punto limpo os aparellos que deixaron de funcionar, sempre e cando non poidamos reparalos. Ademais, tamén cómpre recordar que tanto os electrodomésticos como outro tipo de obxectos poden ter unha segunda vida amañándoos, doándoos ou vendéndoos.  Opcións que sempre serán mellores que ter que procesalos para que non contaminen ou, peor aínda, que aparezan ciscados no medio do monte ou ao pé dunha estrada.

Por último, a campaña Ecoluciona recomenda “desintoxicar” a casa empregando unicamente os produtos de limpeza necesarios e, sempre que se poida, que conten co distintivo EcoLabel.

O Concello de San Sadurniño súmase á iniciativa da FEGAMP e durante estes días irá compartindo nas redes sociais os vídeos producidos pola federación.

Share.