Comeza a segunda fase da remodelación de Marqués de Figueroa

0

Tralo parón do Nadal na construción, as empresas adxudicatarias da remodelación da avenida Marqués de Figueroa reiniciaron unhas obras que avanzan a bo ritmo e segundo os prazos previstos. En verdade o que é reiniciar só se reiniciaron as de construción das beirarrúas entre o colexio e o cruzamento coa estrada de Ortigueira, xa que o proxecto de maior importe, consistente en transformar o tramo entre a capela do Belén e o centro de ensino, aínda comezou hai uns días despois de que se asinase a finais de ano a acta de replanteo dos traballos. Deles encárgase Prace Servicios y Obras S.A. tras presentar unha oferta de 203.690 euros. As dúas obras que se están levando a cabo fináncianse con cargo a fondos xestionados pola Deputación da Coruña, nun caso do POS+ Adicional 2017  e noutro dentro do paquete do POS+ 2018.

Os labores de renovación da parte alta da avenida céntranse nestes momentos iniciais na retirada das baldosas da beirarrúa e na preparación do trazado para colocar outras novas idénticas ás que xa se poden ver entre o CPI e a confluencia coa estrada xeral, obxecto dun proxecto cifrado en algo máis de 45.000 euros que comezou en outubro e que está a piques de finalizar.

A segunda fase é moito máis ambiciosa por custe e polo alcance das actuacións. Ademais da renovación das beirarrúas existentes construiranse outros 35 metros novos nunha tramo que estaba sen elas preto da confluencia coa pista que vai á Agra de Abaixo, de maneira que a infraestrutura chegará por ambas marxes desde a estrada de Ortigueira  ata a saída norte do núcleo urbano cara a Lamas e Silvalonga, cubrindo  case un quilómetro de distancia.

Os traballos servirán tamén para ordenar a circulación nos arredores da capela do Belén, onde conflúen a pista que vén do Enxerto e a dos Currás, especialmente as incorporacións e saídas desta última. Alí existe un amplo abano con case 40 metros de apertura que, tralas obras, quedará debidamente delimitado para o tráfico rodado e peonil.

No tocante á reparación da avenida  está previsto botar unha nova capa de rodadura con microaglomerado asfáltico desde a zona do Campo da Feira ata o cruzamento coa AC-862, dotada á súa vez de pasos de cebra sobreelevados que fagan as veces de redutores de velocidade. “Con esta solución os coches teñen que ir máis amodo e cando se vai conducindo vese mellor se alguén ten intención de cruzar. Ademais, ao ir á mesma altura que as beirarrúas non fai falla construír rebaixes para facelas accesibles a persoas con mobilidade reducida”, explica Secundino García.

O novo firme xa lle dará un aspecto distinto a todo o percorrido da avenida. Porén, os cambios non quedarán aí, posto que o proxecto recolle a plantación dunha trintena de árbores e a instalación de paneis que protexan -e oculten- os colectores do lixo.

Tal e como se informa desde o Goberno local, a finalidade das dúas obras que hai en marcha nestes momentos é “mellorar a seguridade no principal eixo de poboación do concello”, xunto coa “renovación do aspecto xeral do centro urbano”. Segundo recorda Secundino García, a remodelación de Marqués de Figueroa irá acompañada en breve coa apertura dunha nova rúa entre o pavillón municipal e o Centro de Saúde. O proxecto acaba de adxudicarse provisionalmente e con el “completarase a transformación da trama urbana de San Sadurniño, despois de ter executado en 2017 o aglomerado e as beirarrúas da pista do Enxerto”. A este respecto, García tamén menciona o proxecto previsto no POS+ 2019 aprobado recentemente para aglomerar desde a Agra de Abaixo ata a estrada de Pedroso, en Vilafiúnce, onde se acaba de instalar un novo reforzo do abastecemento de auga.

 

 

Share.