Comeza a programación do Nadal

0

A área de Cultura e Deportes preparou para estas datas de Nadal e Reis unha completa programación de lecer para toda a familia. Despediremos este ano e darémoslle a benvida a 2018 con maxia, teatro, música, deporte, obradoiros para a rapazada e actividades para a toda a familia. Unhas actividades que comezan hoxe mesmo cun espectáculo da ilusionismo para o alumnado do CPI e que continuarán mañá sábado coa tradicional xornada de Deporte solidario e en feminino que terá lugar a partir das 17.30h. no pavillón municipal. Nela asistiremos a unha exhibición das escolas de ximnasia de mantemento e, ao seu remate, a un partido entre o Aldebarán sénior e o Narón Volea.

Inicialmente estaba previsto que na xornada tamén participasen os equipos do Club Brío, tal e como ía publicado no boletín Novas. Porén, onte mesmo a entidade informou ao Concello de que se descolgaba da iniciativa, segundo parece, pola imposibilidade de ter preparados a tempo os exercicios que contaban mostrar na exhibición. Deste xeito, o evento deportivo e solidario mantén o seu horario de inicio pero reduce a duración. Comezará pouco despois das 17.30h. cos exercicios da escola municipal de ximnasia de mantemento, á que asisten principalmente mulleres de máis de 60 anos. Deseguido enfrontaranse nun partido amigable o Aldebarán sénior feminino e o Narón Volea.

A entrada na Xornada de Deporte solidario en feminino é gratuíta, pero pídeselle ao público que traia da casa algún alimento non perecedoiro, como poden ser conservas, arroz, galletas, pastas, fariña, leite en pó, cacao, azucre, aceite, lentellas, garavanzos, turróns, polvoróns, etc. Tamén se recollerán artigos de limpeza e hixiene persoal, como xabóns, pasta de dentes ou cueiros. Co que se recolla faranse lotes que despois serán distribuídos polos Servizos Sociais do Concello entre aquelas familias do municipio con menos recursos.

O domingo 17 a actividade trasládase á Casa da Cultura16.30h– cun concerto do alumnado do profesor Ilia Keilin, quen imparte clases de música -piano, violín, e solfexo- nas instalacións da Casa da Xuventude. Este concerto  infantil está aberto ás familias do alumnado, pero tamén a calquera persoa amante da música de cámara.

A programación do Nadal en San Sadurniño retómase o venres 22 pola tarde en Naraío co obradoiro de Cantos de Nadal. Trátase dunha proposta organizada pola Asociación veciñal O Castelo en colaboración co Concello e coa Asociación cultural Vai ranhala meu que comezará ás 18.00h. Primeiro aprenderanse varias panxoliñas tradicionais arregladas con acordeóns, gaitas e pandeiretas que despois se cantarán nunha grande foliada do Nadal aberta tanto a quen participase no obradoiro musical como a calquera persoa que queira sumarse á festa.  Ademais, o mesmo día tamén visitará o local social o Apalpador e haberá unha chocolatada acompañada de bica. Para esta actividade non é necesaria inscrición previa.

O Concello concentrou boa parte da programación cultural do Nadal no sábado 23. O ximnasio do cpi acollerá a partir das 17.00h. unha festa infantil con xogos, música e a parada do Apalpador no seu camiño de volta ás montañas do Courel. Dentro desta actividade a rapazada tamén elaborará adornos do Nadal con materiais reciclados.  Poderán participar nenos e nenas de entre 3 e 11 anos. As inscricións hai que facelas na Casa da Cultura, no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal cubrindo previamente unha ficha de inscrición.

A festa rematará sobre as 18.45h., co tempo suficiente para que a cativería poida asistir na Casa da Cultura á obra de teatro de monicreques “O lobo e a lúa”, que comezará a iso das 19.00h. A peza de Baobab Teatro  xunta no escenario actores e actrices de carne e óso con bonecos, reunidos para contar a historia dun pequeno lobo e a súa teimosía por falar coa lúa. Trátase dun espectáculo tenro e divertido que lanza unha mensaxe de convivencia malia a diversidade, de amizade, de superación dos medos e de amor. Vai dirixido a un público familiar, preferentemente con nenos e nenas de máis de 3 anos.

As entradas son gratuítas para os nenos e nenas, mentres que para as persoas adultas teñen un prezo único de 4 euros. Poden reservarse de forma anticipada no 616 332 919 ou no mail agustin.perez@sansadurnino.gal.

Xusto despois do remate do teatro, o recibidor da Casa da Cultura acollerá a presentación do poemario de Antón Cortizas “Anatomía da lingua. (Lingua de amar, lingua de amor”, ilustrado por Leandro Lamas. O libro é unha reivindicación da lingua en contraposición coas tendencias minorizantes que se dan en parte do ensino, dos medios de comunicación e noutros escenarios da sociedade. Son poemas que, segundo o autor, mostran preocupación pola situación do galego, pero tamén “esperanza” de que poida renacer. Porque, como dí Cortizas, “nada hai tan fermoso como amarse a si mesmo con dignidade para poder amar o mundo con xustiza”. Na presentación da obra o escritor estará acompañado de Leandro Lamas, quen pintará unha lámina que se sorteará ao final do acto.

Do 26 ao 29 de decembro, Nadal Deportivo
Outro clásico que volve por estas datas é o Nadal deportivo, dirixido á rapazada de 4 a 12 anos e pensado para que poida practicar distintas disciplinas adaptadas a esa banda de idades. Máis que un curso intensivo, o que se pretende é que os nenos e nenas entren en contacto coas técnicas básicas de varias actividades físicas co obxectivo de que aprendan e compartan un tempo de lecer durante catro días das súas vacacións, facilitándolles ao mesmo tempo ás familias unha proposta de conciliación.

Esta iniciativa é gratuíta e as inscricións haberá que facelas na Casa da Cultura o venres 22 como moi tarde, presentando cuberta a correspondente folla de inscrición. Será obrigatorio que cada nena ou neno se apunte alomenos a catro actividades. A oferta deste ano está composta por volei, fútbol sala, hip-hop, ximnasia rítmica, danza, baile tradicional e ciclismo, que se irán alternando os días 26, 27, 28 e 29 entre as 10.00h. e as 14.00h. a razón de dous xogos por cada mañá con dúas horas para cada un deles. A proposta é gratuíta e nela colaboran o CV Aldebarán, o CF San Sadurniño, o Club Brío e o Club MTB Biela e Chaveta

Cine para despedir o ano e lambetadas para darlle a benvida
O 2017 despedirase con cine infantil, proxectando o sábado 30 a partir das 19.00h. o filme “A Tropa de Trapo no país onde sempre brilla o sol”. Os personaxes creados pola produtora ferrolá Abano Producións viven a súa primeira aventura para a pantalla grande nunha película que en 2010 foi nominada aos Goya como mellor filme de animación e levou o Gaudí nesa mesma categoría. A entrada é gratuíta, pero cómpre reservar convite no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal

Aproveitando que a rapazada está de vacacións ata despois de Reis, o Concello programou unha edición especial do Tempos para compartir na que aprenderán a preparar lambetadas ben ricas. O docente do obradoiro será Francisco Bermúdez, un veciño de Santa Mariña apaixoado da cociña e da repostaría que lles ensinará a facer crema de cacao, biscoitos e gominolas.

Este Tempos… vai dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 5 e os 13 anos. As inscricións poden facerse a través do 981 490 027 ext.1. Hai 15 prazas dispoñibles e, de haber máis solicitudes que prazas, habería a posibilidade de organizar dúas quendas.

Os Reis Magos do Oriente pararán no ximnasio do CPI
Por máis que os agasallos cheguen aos poucos ao longo das festas do Nadal, a noite máis máxica para a xente miúda é sen dúbida a do 5 de xaneiro. Na tardiña dese día os Magos do Oriente farán parada en San Sadurniño para recoller cartas escritas a última hora e para volver confirmar as peticións de quen as mandaron con tempo de adianto suficiente.

Igual que o ano pasado, os Reis non irán para a Casa da Cultura senón que os nenos e nenas deberán agardar por eles no ximnasio do CPI, onde antes do momento máis solemne da tarde poderán gozar de xogos, obradoiros e música. A festa de Reis comezará a iso das 17.30h. e as SS.MM. chegarán arredor das 18.45h. Non fai falla inscrición previa.

Todas as axendas do Nadal poden consultarse a través desta ligazón e, ademais, tamén podemos sincronizar o noso móbil co Google Calendar do Concello para recibirmos no móbil todas as alertas sobre eventos programados tanto polas áreas municipais como por entidades veciñais.

Share.