Cibrán, Toni e un Opel Kadett protagonizan o “Nimbo” de Mar Catarina

0

Achegámonos ao remate das estreas virtuais do Chanfaina Lab falando da penúltima, titulada “Nimbo”. A súa autora é a poliédrica Mar Catarina, quen nos sirve unha peza que precisa varias visualizacións para tirar dela todos os significados que agocha. A mocidade, o seu desexo de descubrir e de experimentar móstranse ante nós con Cibrán Tenreiro e Toni Colombo como protagonistas, aínda que tamén hai que contar como terceiro grande intérprete a un impasible e estoico Opel Kadett 1.6D ao que lle meteron centos de quilómetros durante aquela primeira fin de semana de setembro de 2018. O coche leva aos actores polo territorio, pero tamén ten un papel fundamental nesta experiencia audiovisual de Catarina que ben podería encadrarse nun novo subxénero denominado “road movie existencial”. En Fálame de San Sadurniño podemos ler unha ampla reseña do profesor Manolo González que nos conta o seguinte:

Mar Catarina (Vilagarcía, 1988) é unha artista visual, fotógrafa, música e realizadora. O seu contacto coa arte empezou a través da danza. Logo de estudar Comunicación Audiovisual na USC fixo un ano na Pompeu Fabra de Barcelona e aí puido afondar no coñecemento do cinema. Despois foise ata Lisboa, onde fixo un posgrao en “Fotografía, proxecto e arte Contemporánea”, que a marcou profundamente en proxectos fotográficos como “O cuarto de Bernarda” (2010), “Segunda pel” (2011) e “Piña” (2011). Asemade desenvolve unha prolífica traxectoria no eido da música como compoñente do grupo pop “Esposa” e como realizadora  de numerosos videoclips.

No ano 2011, Mar e Rubén Domínguez (O Grove, 1987) crearon o laboratorio PRENOM: “concibímolo como un espazo para liberdade creativa e o traballo en común”. Baixo o seu paraugas ambos realizaron algúns dos videoclips máis estimulantes da nosa música recente, traballando con grupos como “Ataque Escampe”, “Novedades Carminha” “Pantis” ou “Chicharrón”. Neste último ano Mar Catarina traballou como docente no IES audiovisual “Puerta Bonita” de Madrid.

Mar Catarina e Rubén Domínguez achegáronse a San Sadurniño cos seus amigos -tamén chanfaineiros- Cibrán Tenreiro e Toni Colombo. Percorreron xuntos varias parroquias do concello axudándose uns aos outros coas súas curtas. A colaboración foi tal que a peza de Cibrán, titulada“Xente bonita #1” e a de Mar teñen sentido por separado, pero tamén poden verse como un díptico ou mellor aínda, como dous espellos enfrontados de experiencias compartidas: “Cando chegamos tiñamos un coñecemento moi vago deste Concello no que traballariamos durante dous días sen descanso, mais estábamos moi ilusionados porque iamos uns cantos amigos: Cibrán, Toni, Rubén e eu e traballar xuntos sempre é un pracer. Os días previos á chegada, escribín algunhas vagas ideas do que me gustaría facer pero percibía certas limitacións. A miña premisa inicial partía dunha pequena sinfonía da paisaxe, acompañada cun recital e a presenza dun demiúrgo. Naquela época estaba lendo con atención algúns textos de Simone Weil e a súa influencia era moi forte en min. Dalgún xeito iso acabaría reflectido no traballo. Ao chegar a San Sadurniño, preferimos estar abertos ao que ía xurdindo e eu nunca quixen pechar o guión porque non o consideraba preciso, xa que tiñamos suficiente confianza como para prescindir del e que as cousas foran fluíndo por si mesmas. Inicialmente, Rubén ia ser a personaxe principal mais os días foron impoñéndose e cada vez tiña máis material recollido de Cibrán, Toni e o Kadett, fragmentos dos nosos días en San Sadurniño. Percibín que a historia estaba acontecendo con eles e, sen dicirllo, convertinos en protagonistas. Toni ten unha relación moi especial co seu coche. Pasa moitas horas nel e cando unha das pezas deixa de funcionar cámbiaas con mimo. Xa saían no videoclip que fixen de “Papá borracho” para Ataque Escampe. Cibrán é o mellor cómplice. Tanto para Toni coma para min. Para min porque case sempre accede aos meus desvaríos. Iso fai que sexa moi fácil experimentar con el. E para Toni, entre outras razóns, porque lle subministra música en casete para escoitar no coche.”

En “Nimbo” están presentes algunhas das teimas da -aínda moi nova- directora pontevedresa: “Intento facer unha procura íntima e case autobiográfica daquilo que me conmove e provoca beleza. Procuro a simplicidade e o orgánico das cousas e persoas coas que traballo co fin de acadar a pureza ou verdade delas propias”.

Catarina establece unha celebración da vida, do descubrimento do descoñecido, unha película de amigos, que fala da amizade, da exploración do territorio, de descubrir o que te rodea de forma infantil e inocente, co contrapunto dos textos da gran filósofa francesa Simone Weil “cantados” ao xeito de rap; mais sobre todo, é unha peza substancialmente libre: “Unha celebración da amizade chea de luz e música. Retrato de nós mesmos, ceibes e curiosos, nas terras de San Sadurniño”.

Así pois, esta é unha viaxe moi especial, porque a acción transcorre en localizacións coñecidas, mais o vello Kadet de Toni e Cibrán amósanos imaxes e situacións que agroman directamente dos ollos e do corazón da cineasta Mar Catarina. Aínda que a curta se entende autonomamente, é moi recomendable vela con “Xente bonita #1” do seu amigo Cibrán Tenreiro; ambas conforman visións expandidas e complementarias da mesma realidade, transpirando autenticidade e vida.

Share.