Cerca dun cento de expositores reuniranse este sábado na XI Feira Rural de San Sadurniño

0

93. Esa é a cifra exacta de postos cos que contará a feira rural do sábado. O Concello pechou onte a primeira hora da tarde o prazo de solicitude e, tal e como se reflicte no regulamento do evento, hoxe toca publicar o listado completo de participantes, dos que 87 se centran na venda de produto e os outros 6 son espazos expositivos ou cun carácter institucional. A feira comezará sobre as 10 da mañá ofertando moito e variado en alimentación fresca e transformada e tamén en artesanía, segunda man, planta e maquinaria. Ademais, as propostas comerciais estarán apoiadas con actividades paralelas, como o concurso de froita, os obradoiros para a rapazada, as degustacións e catas, as visitas guiadas e as exhibicións de aves rapaces e do Can de Palleiro.

A feira distribuirase en catro zonas, como en anos anteriores: a mostra do concurso da froita e parte da comercialización agroalimentaria irán baixo a carpa principal, as degustacións e obradoiros contarán con espazos cubertos diante da carpa, a artesanía e maila segunda man -e tamén outros postos de alimento e planta- disporanse nas beiras dos sendeiros e, por último, os campos entre camiños quedarán para expor maquinaria e as cociñas solares dos Picos do Sol, así como para as actividades de cetraría e da raza Can de Palleiro.

Atendendo aos datos das inscricións, este ano atoparemos 2 postos de maquinaria, 4 viveiros, 22 expositores agroalimentarios, 31 de artesanía, 12 de manufacturas mesturadas con artigos de segunda man e 16 que venderán exclusivamente oportunidades e antigüidades. Canda eles, outros 6 que non encaixan nestes ámbitos. É o caso da Cooperativa Nosa Enerxía, do Club Biela e Chaveta, da Asociación Can de Palleiro, da Feira do Sol, da AGFA do Eume ou do posto do propio Concello, onde se ofrecerá información turística e onde será necesario inscribirse para os obradoiros, para as visitas guiadas á horta Carlos Fornos e o colmear didáctico e tamén para as baixadas en canoa polo Xubia que haberá durante todo o día.

Entre as actividades paralelas da feira hai que destacar o tradicional Concurso de Froita Autóctona organizado pola AGFA do Eume e mailo Concello. A recepción de lotes estará aberta de 10.30 a 11.30h. e o xurado fallará os tres premios sobre as 13.00h. A entrega dos galardóns está posta para as 13.30h., xusto antes do primeiro sorteo de agasallos dos dous que hai previstos durante a xornada.

Ao longo do día tamén están programadas  visitas á horta de conservación de froiteiras autóctonas Carlos Fornos: unha ás 11.30h. complementada cun obradoiro de enxertado e outra ás 17.30h. na que se verán exemplos de podas de verán. En relación co aproveitamento das castes tradicionais, a Feira Rural acollerá de 12 a 13.00h. unha cata-degustación de viño e sidra elaborados no CFEA de Guísamo con uva Branca lexítima -característica da IXP Viños da Terra de Betanzos- e con mazás autóctonas. A proba repetirase de 17 a 19.00h. e en ambos casos acompañarase con petiscos de queixo. Os tíckets hai que collelos no expositor do Concello. Ao mesmo tempo, no denominado “Recuncho da froita” poderanse saborear pezas de mazá, pera e outros froitos procedentes de variedades do país.

Outro dos itinerarios previstos é o que nos achegará ao colmear didáctico ás 12.30 e ás 18.30h. Pero hai máis. A iso das 18.00h. o xeólogo Fran Canosa dará unha charla sobre os minerais existentes no ámbito do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal; ás 13.00h. e 16.30h. desenvolverase o obradoiro infantil de elaboración de queixos e, pechando a oferta de talleres, tamén teremos ás 11.00h. un obradoiro de cosmética natural para maiores de 16 anos e outro para a rapazada -17.30h.- de iniciación á cerámica.

A XI Feira Rural de San Sadurniño repetirá as exhibicións de cetraría que tanto éxito tiveron hai algúns anos. Poderemos ver as evolucións das rapinas ás 12.00h. e ás 18.30h. Durante a tarde -das 17.00 ás 19.00h.- a Cortiña tamén acollerá o concurso monográfico da Raza Can de Palleiro, con premios para os mellores exemplares nas categorías de cachorros, xuvenís e adultos.

Durante este día contaremos coa animación musical dos grupos tradicionais do Padroado da Cultura do Concello de Narón e, ademais, con cada compra que se faga entregaranse boletos para participar nos sorteos de lotes de produtos das 13.45 e das 19.45h.

Arredor de 200 participantes na marcha contra o cancro do domingo
A actividade ao pé do Xubia continuará o domingo co Sons na Cortiña, o festival de música e lecer para público familiar que arrancará ás 11.00h. cunha andaina solidaria organizada pola Asociación Brío e pola AECC. A marcha ten un trazado circular de 4 quilómetros con saída e chegada no entorno do festival. A participación ten un custe de 5€ para persoas maiores de 14 anos e de 3€ para menores desa idade. Ata o momento recolléronse nos establecementos colaboradores e na web rockthesport.com unhas 200 solicitudes, aínda que a organización agarda que o domingo pola mañá se supere amplamente esa cifra coas inscricións presenciais.

Á volta da camiñada, a Asociación Brío ofrecerá unha exhibición de hip-hop seguida dunha sesión vermú co grupo batukeiro da Asociación Concienciarte. Durante a tarde, das 15.00 ás 18.00h., organizaranse xogos tradicionais e populares, haberá un obradoiro de chapas e outro de circo e tamén se habilitará un circuito para coches de radiocontrol.

Da parte musical -das 17.30h. en diante- encargaranse Uxía Lambona e a Banda Molona e The Tetas Van.

Share.