Cerca de 8.000 euros para a posta ao día do arquivo municipal

0

O Concello acaba de adxudicar os labores de organización, tratamento documental e informatización do arquivo municipal. Un proxecto cuantificado en 7.669 euros que se desenvolverá durante os próximos dous meses e que ten por obxectivo principal revisar as referencias de todos os papeis gardados no arquivo, cotexalas cos orixinais e actualizalas dentro dun novo aplicativo de xestión que permita localizar inmediatamente calquera documento ou expediente. Esta actuación conta cunha subvención de 6.000 euros da Subdirección Xeral de Arquivos e Museos, mentres que a cantidade restante será asumida polo Concello.

O arquivo municipal conta na actualidade con 2.077 caixas onde se almacenan documentos de todo tipo  desde o 1837, ano en que nace oficialmente o Concello. Milleiros de actas plenarias, datos catastrais e expedientes que compoñen un importante patrimonio histórico e administrativo gardado nunha sala habilitada no andar inferior da casa consistorial, dentro dun sistema de armarios sobre raíles que, neste momento, están a un 50% da súa capacidade.

Hai anos que o Concello ten catalogado todo ese material, que no seu día -hai máis de vinte anos- se introduciu en Lotus Approach, unha aplicación informática facilitada de forma gratuíta pola Deputación da Coruña que, porén, quedou anticuada e que dificulta a exportación dos seus datos ao programa XARAL adoptado como estándar pola Administración galega.

Boa parte do traballo de organización arquivística consistirá precisamente niso, en pasar a información do Lotus ao XARAL, aínda que revisando todos os textos, ampliando e corrixindo as descricións, identificando os que falten e clasificándoos e ordenándoos cos criterios actuais que se seguen no resto do Estado e Europa.

En paralelo tamén se determinarán tipoloxías documentais, períodos cronolóxicos e posibles duplicados coa finalidade de deixalo todo preparado para unha posterior dixitalización. Da mesma maneira, o contrato contempla un tratamento para a conservación dos libros máis antigos -do século XIX e principios do XX-, afectados por humidades, fungos ou óxido.

Do labor encargarase Ana Romero, especialista na materia, quen entregará ao final do proxecto un informe sobre os traballos realizados, ademais de darlle formación ao persoal municipal sobre como facer as buscas na base de datos resultante. O importe do contrato -en vigor desde este 23 de agosto até o 24 de outubro, segundo a proposta presentada- ascende a 7.669,28 euros, ive incluído. 6.000 euros custearanse cunha subvención da Consellería de Cultura procedente dunha convocatoria específica para arquivos. Os 1.669 euros restantes serán asumidos polo Concello con fondos propios.

Share.