Celebración do Día do Libro nunha biblioteca moi especial

0

O Concello conmemorou esta mañá o Día Internacional do Libro cunha actividade de animación á lectura dirixida á rapazada máis pequena do colexio público. Os nenos e nenas dos primeiros cursos do CPI asistiron ao espectáculo “A aventura máxica na biblioteca”, de Pallaso Piruleta&Cía., cuarta entrega da serie “A Biblioteca Máxica” na que a compañía continúa apostando polo clown, a música, o ilusionismo e o teatro como xeito de interactuar co seu público, neste caso para inculcarlles a querencia polas letras.

Don Renato é un bibliotecario atípico: transforma contos en cancións, repara libros con maxia, convive con seres fantásticos… Necesita atopar un agasallo especial para un amigo pero non sabe que regalarlle. Quere que sexa algo único, reflexo da amizade que os une. Na procura dese presente sucédense múltiples aventuras a través dos libros e materiais dunha biblioteca máxica, capaz de transportarnos a mil e un lugares só co poder da nosa imaxinación e a axuda do público infantil.

Esa é a sinopse da peza escénica que esta mañá captou a atención da cativería de Educación Infantil do CPI da man de Pallaso Piruleta&Cia. A compañía é froito das experiencias dun grupo de profesionais da educación que viron o potencial do teatro e doutras artes ao vivo como ferramenta pedagóxica na infancia.

Desde 2003 -ano da súa creación- a produtora puxo en marcha máis de medio cento de obras, dúas curtametraxes, un documental e mesmo a edición impresa do libro ilustrado “El Anónimo”. Na actualidade traballa dentro e fóra de Galicia con distintos programas de dinamización cultural infantil.

“A Biblioteca máxica” é un exitoso proxecto que Pallaso Piruleta&Cia. vai actualizando con novos argumentos e cometidos que sempre teñen por escenario unha biblioteca e como protagonistas principais os libros, contos, xornais, revistas e documentos de todo tipo que se poden atopar nos centros de lectura.

A actuación de hoxe en San Sadurniño serviu para conmemorar o Día Internacional do Libro e está encadrada nas campañas de animación á lectura que desenvolve o servizo entre o público escolar e tamén adulto.

Ao longo deste 2018 a Biblioteca Municipal de San Sadurniño ten en marcha varios retos lectores -que se desenvolven tanto nas súas instalacións como no CPI- e tamén un animado Club de Lectura do que se pode entrar formar parte en calquera momento, só hai que pasar polo primeiro andar da Casa da Cultura de luns a venres en horario de 15 a 21.00h., ou ben contactar coa biblioteca a través da páxina en Facebook Lendo en San Sadurniño. Na súa última xuntanza -celebrada onte mesmo, día de San Xurxo- o libro sobre o que se debateu foi “Sostiene Pereira”, de Antonio Tabucchi.

Share.