Causas Comúns organiza este sábado un xantar solidario en Naraío para presentar os seus proxectos

0

A Asociación Causas Comúns  -nacida en 2012  por iniciativa do fotógrafo Gabriel Tizón- traballa para dár a coñecer outras realidades que habitualmente non ocupan tempo nin espazo nos medios de comunicación, como por exemplo o desastre humanitario que un día si e outro tamén se está producindo no Mediterráneo ou o o camiño desesperado das persoas que chegan a Europa fuxindo da pobreza ou do terror das guerras. A cultura -a fotografía, a música, a pintura, o teatro…- é a principal ferramenta da que se vale para facer este labor, acompañado ademais por traballos de campo de carácter sanitario ou de apoio a quen está nos puntos máis críticos. A entidade organiza para o sábado  un xantar solidario no local social de Naraío co obxectivo de recadar fondos cos que continuar desenvolvendo proxectos en distintas partes do mundo, pero tamén para darse a coñecer e recabar máis apoios á súa causa… ás súas causas comúns.

O programa da xornada comprende máis oferta que o xantar. Se o tempo o permite está previsto comezar o día sobre as 11.00h. cunha andaina que partirá do local social da Veiga con destino ao castelo de Naraío. A ruta discorrerá por parte do sendeiro do Castro, pasando por lugares de grande riqueza ambiental e patrimonial.

Xa de volta, a iso das 14.30h. servirase un xantar a base de cocido que inclúe por 20€ -rapazada menor de 10 anos gratis- a bebida e a sobremesa.

Un dos obxectivos do encontro é presentar a entidade e tamén os proxectos que ten en marcha nestes momentos. Diso falarán varias das persoas que forman parte dela, expoñendo ademais cales son os seus obxectivos a curto e medio prazo. A charla comezará sobre as 16.30h.

O xantar solidario finalizará á noitiña con música. De feito, Causas Comúns convidou ao grupo Mamá Cabra para pechar o encontro cunha actuación que arrancará ás 18.00h.

Tanto a andaina como a charla e o concerto son abertos ao público. Porén, para o xantar fará falla inscrición previa enviando un correo electrónico a proxectocausascomuns@gmail.com, no que se debe indicar o nome e o número de asistentes.  Tamén se pode reservar sitio chamando ata o 5 de decembro ao 637 545 255 (Fernanda).

Quen non poida asistir e queira botarlles unha man pode facer doazóns a través da súa web, www.causascomuns.org, onde tamén hai abondosa información sobre o seu labor e os colectivos que colaboran coa asociación: Tempo Novo da Coruña, o Colectivo Terra de Pontedeume, o Ciber de Mao, a fundación CIEC de Betanzos, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Arquitectos sen Fronteiras, a Asociación Ecas-D (Guinea Bissau), e os concellos de San Sadurniño, Santiago, Pontevedra, Ferrol e Oleiros.

Share.