Catro curtas galegas para despedir o ano

0

A Casa da Cultura acollerá este venres a proxección de “Ficciónate”. Non, non é unha película, senón o título dun ciclo de cinema galego desenvolvido por novos talentos do noso audiovisual. Catro curtametraxes de ficción que viron a luz durante os últimos dous anos e que unen forzas para pescudar novas vías de exhibición e colaboración conxunta para facer chegar estas obras de pequeno formato ao gran público. Rancor de Miguel Morales, El Comediante de Óscar Cruz, Fálame do silencio de Lois Blanco e Unary de Luis Avilés proxectaranse o venres na Casa da Cultura de San Sadurniño -20.00h.- tras percorrer varias vilas galegas. Ao remate do pase o público terá a ocasión de compartir a experiencia cos artífices das obras dende diferentes ámbitos do eido audiovisual: a dirección, a produción, a fotografía, a promoción e a interpretación. A entrada é de balde.

Os filmes tratan temáticas de rigorosa actualidade. Rancor é a historia de Teo, un rapaz que durante a súa infancia, sofre o maltrato, a desidia e a vexación de mans do seu pai, tendo a súa nai enferma. O pasado sempre volve, e despois de graduarse nos seus estudios, volve ver o seu pai logo de pasar moitos anos atrás.

Tras este drama, o público disfrutará do humor de El Comediante, a historia de Óscar, un rapaz que intenta traballar no mundo do humor facendo monólogos e atopa nas pantasmas do pasado unha fonte de inspiración, ademais de vivir diferentes aventuras e desventuras que o axudan a construir o seu texto.

Tratando temas de actualidade, ante a dificultade da xuventude de non atopar saída ante os problemas laborais e persoais, enténdese o contexto de Fálame do silencio, unha reflexión sobre unha situación xeracional, da preocupación de “non ver saída”, da frustración de buscar unha estabilidade e non saber ou non poder conseguila.

Por último, a laureada Unary, trata sobre o primeiro día de liberdade de Lucas. Despois de 21 anos en prisión, Lucas enfróntase a un mundo que non coñece, a unha nova vida. Lucas está marcado por unhas rutinas, uns horarios, unha contorna e uns pensamentos que non poderá manter fóra de prisión.

En resumo, para Andrés Rozados, de Abella Creativa, “Estamos encantados de participar en proxectos destas características. Ficciónate nace da necesidade de prantexar un circuíto alternativo aos festivais e certames habituais, cunha orientación didáctica, instructiva e con vocación cooperativa. A posibilidade de chegar a localidades como San Sadurniño énchenos de orgullo, porque as zonas do rural galego tamén merecen a posibilidade de contar con propostas innovadoras neste aspecto”. Ficciónate uniu a Abella Creativa con Condetrespés, MT Producciones, Pixel Films e Porco Bravú e o apoio do Concello de San Sadurniño.

A proxección comezará a iso das 20.00h. deste venres, 30 de decembro. As entradas -que son gratuítas- poden reservarse chamando ao teléfono 616 332 919 ou a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Share.