Catalina Martín exhibe na galería do Concello a súa querencia polo realismo

0

Durante todo este mes de agosto podemos desfrutar na galería do primeiro andar do Concello dunha mostra pictórica chea de referencias a lugares cercanos a nós. A súa autora é Catalina Martín, unha enfermeira ferrolá que aproveita grande parte do seu tempo libre para trasladar ao lenzo paisaxes e persoas tentando achegarse o máis posible ao realismo. Discípula nos seus inicios de Leandro Lamas e máis recentemente de Manuel Carballeira, Katy -así é como asina as súas obras- trae a San Sadurniño 22 pezas protagonizadas pola luz, pola cor e, sobre todo, polo mar.  A exposición, titulada “Bicos da terra”, está aberta de luns a venres en horario de 8.30 a 14.30h.

Conta Catalina Martín que comezou na pintura moi noviña, con tan só 7 anos. “O gusto por pintar meteumo meu pai. De pequena dei algunhas clases co pintor Carlos Villaamil e coa súa filla Carla”. Un anceio por se expresar a través dos pinceis que, porén, non a levou por ese camiño profesional… aínda que foi a súa profesión como enfermeira no daquela Hospital Arquitecto Marcide quen lle abriu as portas á técnica que lle faltaba para poder medrar na súa paixón. “Non estudei belas artes nin nada diso. Metinme en clases de debuxo con Leandro Lamas aproveitando uns cursos de pintura que lle ofreceron ao persoal do Arquitecto Marcide. Estiven aprendendo con el tres anos e despois empecei con Manuel Carballeira”.

O mestre pintor e auténtico crack da pintura rápida foi quen máis influiu na evolución artística de Martín. “Gústame moito o realismo e síntome moi identificada con Carballeira”, asegura a pintora. Do seu profesor destaca a técnica e o tratamento que lle dá ás escenas con auga e a calidade fotográfica hiperrealista que consegue “con dous toques”.  Para ela o truco está no que en pintura se denominan “veladuras”, consistentes -tal e como explica Catalina- en “dar unha capa fina, outra capa fina… e así, con paciencia, ata que consegues o toque realista”.

Martín séntese máis cómoda no óleo, aínda que tamén lle dá ao acrílico, ao carbón e ao pastel. A diferenza do seu outro mestre, Leandro Lamas, foxe da acuarela, quizais porque a fidelidade que ela persegue ao retratar escenas e ambientes só se consegue coa densidade aceitosa dos óleos. Con eles plasma practicamente de todo. “Pinto paisaxes que me gustan, a xente da terra, á familia… recunchos fermosos… A exposición titúlase “Bicos da terra” porque para min son lugares que teñen unha certa relevancia. Tamén me gusta alabranza, os traballos do mar…”

Katy comenta que o seu traballo lle deixa pouco tempo libre para crear e que por iso aproveita ao máximo as vacacións. Pasa o verán en Pantín pintando todo o que pode, alentando  o que lle suxire a brisa do mar. De aí que a costa -o mar, as ondas, os portos, faros, redeiras,  cantís…- sexa un tema recorrente na súa obra, da que podemos gozar na Casa do Concello ata o día 31 de agosto.

 

 

 

 

Share.