“Cartas de amor” chega a San Sadurniño para reflexionar sobre a violencia de xénero

0

“Cartas de amor” é un proxecto da Secretaría Xeral de Igualdade que aborda a prevención da violencia machista no ámbito educativo. Está dividido en dous apartados, un expositivo e outro en forma de unidade didáctica que se imparte nos centros de ensino non como unha charla, senón como  un foro de debate no que a mocidade reflexione sobre o papel da muller a través da historia e na sociedade, así como ao respecto das relacións afectivas. A exposición pode visitarse desde hoxe na Casa do Concello e, tamén hoxe, está desenvolvéndose no CPI a unidade didáctica coa participación do alumnado de 3º e 4º da ESO.

Do obradoiro encárgase a propia autora do seu contido, Gloria Serrato, quen incidía antes do comezo da primeira sesión en que a muller “aínda non está plenamente representada na escola. É importante que se saiba que as mulleres fixemos achegas a todas as áreas do coñecemento e da arte, ademais de dar vida e sostela. É preciso que a muller estea presente transversalmente nas propias asignaturas para que non se pense que estivemos durmidas e que un día espertamos de súpeto e os homes xa o tiñan todo feito. Debemos contrarrestar o androcentrismo que hai na escola, na universidade e no mundo”.

Partindo desta premisa e do concepto de coeducación, definido por Serrato como “medrar en igualdade”, a experta promoveu unha dinámica de grupo a partir da interpretación das ilustracións do proxecto, obra de autoras e autores como Patricia Castelao, David Pintor, Óscar Villán ou os premios nacionais de ilustración e banda deseñada Miguel Calatayud e Paco Roca. En 2009 propúxoselles plasmar en debuxos situacións ou momentos que considerasen violentos entre adolescentes co obxectivo de concienciar na necesaria muda desas actitudes por outras nas que prime o respecto á parella. Das láminas resultantes daquela -que conforman a mostra aberta na Casa do Concello- saiu a unidade didáctica escrita por Gloria Serrato que xa leva percorrido os centros de ensino de media Galicia.

“Primeiro interpretamos as ilustracións da exposición plantexándoa como unha conversa entre rapaces e rapazas e a partir de aí eles e elas dirán realmente como se ven. Trátase dunha reflexión compartida”, comenta a educadora, para quen as condutas machistas entre a mocidade -apoiadas en moitos casos nas novas tecnoloxías- só reproducen “condutas que se están estimulando desde o cine e a música, sostendo e reforzando queas relacións non sexan entre iguais”.

Sobre as solucións, Serrato insiste na importancia do traballo educativo, pero tamén pon o acento sobre a responsabilidade e compromiso, que debe tinguir  todas as facetas da vida, e non só no ensino: “¿Que facer?, todo o mundo dí educación e máis educación, pero ás veces iso queda na celebración dunha data e non sempre se fai de maneira transversal”.

Contos para as nenas e nenos de infantil
E mentres Serrato impartía o obradoiro “Cartas de amor” para a mocidade, no edificio de infantil e primaria as criaturas máis pequenas do centro asistían a unha sesión de contacontos ofrecida por unha das súas mestras. O tema era o mesmo, pero presentado como un xogo doado de entender para os nenos e nenas.

Estas historias contadas levan repetíndose durante toda a semana e nelas trabállanse conceptos que se tocan o resto do ano, como son o da igualdade e o respecto. A titular de Igualdade, Ana B. Gundín, sinalou que o labor no centro de ensino  en todos os niveis “é fundamental para avanzar cara a unha sociedade realmente igualitaria onde a violencia contra da muller e as condutas machistas non teñan cabida”. A concelleira lembrou que este aspecto está recollido no Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes aprobado polo Concello, “xunto coa implicación nos mesmos obxectivos da administración local e de todas as entidades do territorio”.

Share.