Carme Casal ofrece este sábado un Tempos para compartir infantil

0

Carme Casal Gudín ten 12 anos. É unha rapaza moi activa que non falta a case ningunha das actividades que organiza o Concello para a xente da súa idade. Asiste habitualmente aos Venres en Sansa!, tamén é unha fixa nas propostas de conciliación das vacacións e agora dá un paso máis propoñendo un obradoiro do Tempos para compartir pensado para cativos e cativas coma ela, con máis inquedanzas que a táblet e a pelota. O sábado a partir das 17.30h. porase á fronte dun curso acelerado de sobremesas do Nadal que terá lugar no local social de Igrexafeita e que vai dirixido a rapazada de entre 6 e 12 anos, máis ou menos.  Ofertáronse 15 prazas das que só quedan dispoñibles 4. Pode reservarse sitio chamando ao 981 490 027 ext.1 antes do venres.

Este Tempos ten moito de coeducación e corresponsabilidade nas tarefas domésticas, xa que se convida tanto a nenas como a meterse literalmente en fariña e enredar na cociña. E é que neste sábado previo á noite de Reis, a cativería aprenderá con Carme todos os pasos que se deben dar para preparar un rico biscoito acompañado de crema de caqui. Carme é, con tan só 12 anos, a docente máis nova de todas cantas persoas teñen participado no programa creado pola área de Igualdade, que ten precisamente nas sesións culinarias a súa maior taxa de participación.

Igual que Carme, quen teña algo que ensinar pode contactar co teléfono do departamento -981 490 027 ext.1- e propoñer a súa idea. Só se deben cumprir catro requisitos básicos: que os contidos se poidan ver nunha sesión de hora e media ou dúas horas de duración, que sexan atraentes e participativos, que teñan utilidade para a vida diaria e, por último, que non supoñan un desembolso elevado en materiais, posto que se trata de talleres gratuítos.

O obradoiro de repostaría que guiará Carme Casal espertou grande interese desde que se publicou no último boletín Novas e na información sobre a programación do Nadal. En tan só uns días recibíronse 11 solicitudes de inscrición e por iso o Concello decidiu ampliar o prazo ata esta semana e subir a 15 o cupo máximo de participantes, que deberán ter unha idade comprendida entre os 6 e os 12 anos. Para apuntarse hai que chamar tamén ao 981 490 027 ext.1.

Chegada dos Reis
O Tempos para compartir infantil será o sábado 4 ás 17.30h. no local social da AVV Adiante de Igrexafeita. E, ao día seguinte, os Reis Magos pasarán por San Sadurniño.

Poucas figuras espertan tanta ilusión infantil como Melchor, Gaspar e Baltasar e a súa corte de paxes, capaces de percorrer o mundo nunha soa noite sementándoo de agasallos. As SS.MM. pararán en San Sadurniño para escoitar peticións e recoller cartas de última hora.

Está previsto que entren no ximnasio do CPI sobre as 18.30 ou 19.00h., pero antes, desde as 17.30h.,xa haberá troula no recinto con animación de La GuaGua: un castelo inchable, camas elásticas, obradoiros de manualidades e, por suposto, as súas exitosas coreografías pensadas para que canten e baile a rapazada e mesmo as mamás e papás.

Ademais, este ano tamén se servirá de balde un rico roscón de reis acompañado de chocolate ben quentiño. Desde Cultura lanzan un aviso importante: aquelas familias que teñan algún membro con alerxias ou intolerancias a calquera ingrediente -fariña, ovos, leite, froitos secos…- deben contactar co técnico de Cultura para poñelo ao tanto, co obxectivo de ter preparada unha merenda alternativa. Para iso pódese chamar ao 616 332 919 ou mandar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Share.