Carlos Suárez ensínanos a escoitar no primeiro obradoiro do Chanfaina Lab

0

Xa está en marcha a quinta edición do encontro de cineastas Chanfaina Lab, que durante esta primeira fin de semana de setembro percorrerá o territorio de San Sadurniño captando a esencia da paisaxe, da xente e das súas historias. Boa parte dos creadores e creadoras chegarán hoxe á tarde, pero xa hai xente que anda por aquí -participantes de San Sadurniño e de concellos cercanos- e que, ademais, está participando na primeira sesión formativa do encontro. Dela encárgase o ourensán Carlos Suárez, compositor, percusionista e un auténtico crack do son co que aprenderemos durante toda a xornada a escoitar e captar os ambientes que nos rodean.

Ao cine chégalle unicamente con imaxes para contar o que queira. Pero o son -ou a súa ausencia intencionada- marca unha linguaxe paralela que enriquece enormemente o resultado final de calquera produción, sexa un filme con abundancia de medios ou sexa unha gravación que fagamos co móbil. Para facer películas hai que aprender a mirar -distinto de ver- e tamén é importante saber escoitar, que é distinto de oír.

A sesión impartida por Suárez comezou destacando a importancia de atenderlle a este sentido, o do oído, capaz de percibir espazos e ambientes en tres dimensións a pesar de dispoñermos só de dúas orellas, algo que “a ciencia aínda non foi capaz de explicar”. Os sonidos que nos rodean conforman o que se denominan “paisaxes sonoras“. O concepto definiuno un grupo de estudo multidisciplinar dirixido polo canadense Murray Schafer, con quen Carlos Suárez comparte moitas cousas como músico, compositor e amante da capacidade do son para suxerir espazos e para conectar coas emocións.

Suárez comentou esta mañá que as paisaxes sonoras están en todos os sitios, aínda que nas cidades son máis difíciles de percibir por mor do ruído ambiental -que tamén configura a paisaxe sonora urbana-, mentres que no rural son moito máis doadas de sentir e rexistrar con todos os seus matices. Ademais, igual que o paso do tempo cambia a percepción visual dos lugares, tamén o fai coa súa percepción sonora. Por iso hai sons que hoxe podemos escoitar nun determinado lugar e que, quizais, dentro duns anos sexa imposible saber deles. Hai dúas décadas, por exemplo, o único que se oía no Forgoselo nunha tarde de verán era o son producido polos insectos, polo vento entre os toxos e as queirogas e polas bestas rinchando ou pacendo. Hoxe, os aeroxeradores do paque eólico introduciron un elemento disonante na paisaxe que dificulta apreciar a pureza sonora do espazo e que impide recuperar aquela paisaxe audible do pasado, substituída pola nova.

Fixar eses momentos e preservalos para a historia foi un dos obxectivos do proxecto escoitar.org nacido en 2006 co cometido de elaborar de xeito colaborativo un mapa sonoro de Galicia. Aquela experiencia -na que Carlos Suárez participou activamente- acabou morrendo dez anos despois por falla de apoios, aínda que sentou un precedente que si pervive noutras iniciativas semellantes no resto do Estado e que se replica en outros proxectos por todo o mundo, como aporee.org.

Como queira que sexa, a finalidade do obradoiro que se ofrece dentro do V Chanfaina Lab é adestrar a escoita activa de todo o que nos envolve, que non deixa de ser un signo máis da identidade dunha zona determinada. Neste sentido, ata o serán tamén se abordarán  as técnicas de gravación -cunha saída polo paseo fluvial- e de edición do son para, finalmente, poñer en común todo o rexistrado e debater sobre cal é a identidade sonora de San Sadurniño.

Máis actividades hoxe e mañá
No curso acelerado de Carlos Suárez inscribíronse 15 persoas, na súa maioría participantes á súa vez na parte de creación visual do Chanfaina Lab. O resto de creadores e creadoras irán chegando ao longo da tarde. Ás 18.00h. está previsto manter na Aula CeMIT unha reunión de coordinación e de explicación do territorio local  para, seguidamente, visitar a zona urbana e o paseo do Xubia, onde se plantará un castiñeiro e se tomará a foto oficial da presente edición.

Posteriormente, ás 20.30h. comezará na Casa da Cultura a “Eira de Cineastas”, na que os chanfaineiros e chanfaineiras se presentarán e mostrarán unha unha pequena escolma dos seus traballos anteriores. As proxeccións son abertas ao público e con entrada gratuíta, ao igual que o pase do filme “Dhogs” (+18 anos) deste sábado a partir tamén das 20.30h. A longametraxe premiada en varios festivais contará cunha introdución e un coloquio posterior co seu director, Andrés Goteira, quen tamén se sumou este ano ao Chanfaina para producir unha peza sobre San Sadurniño.

Cómpre lembrar que durante a mañá e a tarde do sábado se desenvolverá o segundo obradoiro desta edición, centrado na iluminación creativa e no aproveitamento e control da luz natural. Neste caso o profesor será o director de fotografía Alberte Branco. As 15 prazas ofertadas xa están cubertas.

Share.