Cans e cabalos, protagonistas dunha parte da Feira Rural deste sábado

0

A X Feira Rural de San Sadurniño vai contar este ano cunha ampla e variada representación de razas caninas a través de dous dos eventos que hai programados. Dunha banda celebrarase ao longo da mañá a sétima edición da proba de Agility Concello de San Sadurniño, onde se darán cita exemplares de distintos tamaños que, canda as persoas de guía, terán que percorrer no menor tempo posible e sen penalizacións o circuíto marcado polo club organizador, Lobos de Naraío. Doutra banda a feira tamén contará cunha exposición permanente de cans e cadelas da raza Palleiro, que pola tarde concursarán no seu sexto monográfico anual. Pero a presenza animal non para nos cans, senón que tamén haberá cabalos. Ofrecerán unha exhibición de saltos e de habilidades -principalmente tipos de andadura- e, ademais, o público adulto e infantil mesmo poderá dar un pequeno paseo neles. 

A VII Copa de Agility Concello de San Sadurniño comezará no campo do outro lado da pista que leva a Cornide sobre as 11.00h. Haberá probas para os graos 1 e 0 e as inscricións deberán facerse a través dos correos info@lobosdenaraio.com ou secretario@fgagility.org. O prazo finaliza este mércores.

Os graos veñen determinados pola competencia do tándem animal-guía á hora de superar pistas oficiais de distinta dificultade, que van do grao 1 ao 3. O grao 0 é o denominado “preagility” e está pensado para aqueles cans e cadelas que están iniciándose neste deporte.

Na proba veremos a maior parte dos animais do club de Lobos de Naraío, pero tamén parellas procedentes doutras entidades que participan tanto nas competicións da Federación Galega de Agility como en probas estatais e mundiais. O circuíto comporase de balizas, pasarelas, rodas, túneles e outros obstáculos que cumprirá superar no menor tempo posible e sen penalizacións.  Como é habitual, a copa ofrecerá un espectáculo moi vistoso de compenetración entre a persoa e o animal.

A outra cita co mundo canino chega da man do Club Raza Can de Palleiro. Durante todo o día terá un posto instalado na feira para ofrecer información sobre as actividades da entidade, encargada da levanza do libro de rexistro xenealóxico da raza. Traerán a San Sadurniño varios exemplares e, xa pola tarde, a iso das 16.30h., comezará o VI Monográfico Can de Palleiro. As clases admitidas son  moi cachorros, cachorros, xuvenís e adultos.

A participación no concurso é gratuíta, pero será obrigatorio tramitar a solicitude a través do correo candepalleiro@candepalleiro.com antes das dez da noite do xoves 23 de agosto.

Exhibición equina
Os outros protagonistas animais da feira serán os cabalos e eguas da Hípica Prado Ventura. A partir das 18.00h. farán unha pequena exhibición de saltos e xusto unha hora despois tamén demostrarán o nivel de adestramento dos équidos nunha xincana que incluirá distintos tipos de andadura e a superación dun complexo trazado marcado no mesmo campo que o utilizado polos cans durante a mañá.

As persoas adultas e a rapazada que queiran dar unha volta nalgún dos catro exemplares que traerá a hípica -todos de grande nobreza- tamén poderán facelo inscribíndose previamente no posto de información do Concello. A quenda para maiores é entre as 18.30 e as 19.00h., mentres que a infantil está posta para as 19.30h.

Share.