Cales son os principais cambios nas restricións publicados no DOG?

0

O Diario Oficial de Galicia publicou onte á noite a normativa preventiva que será de aplicación desde este venres de San Xosé até a Semana Santa, aínda que os distintos niveis de restrición se volverán avaliar o luns 29 ou o martes 30 para subilos ou baixalos dependendo de cal sexa a situación  nese momento. Os cambios que entrarán en vigor avanzounos en rolda de prensa o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, indicando que Galicia mostra “un bo comportamento” en canto a incidencia da pandemia, aínda que tamén engadiu que a posibilidade dunha cuarta onda “é un risco” que esixe continuar facendo unha desescalada gradual. A principal novidade é que aos niveis de restrición actuais -Extremo, Alto e Medio- se lle engade agora o Nivel Medio-Baixo no que estarán a maioría dos concellos de Galicia e, na nosa comarca, todos os municipios agás Neda, Valdoviño e Mugardos. O cambio de nivel significa, entre outras cousas, que os grupos de persoas en espazos abertos poderán ser de ata 6 non conviventes. Porén, nos domicilios só poderán xuntarse as persoas que vivan na casa. Por outra banda, a hostalaría poderá permanecer aberta até as 21.00h. e nos municipios coma o noso a atención poderá chegar até o 75% de ocupación en terraza e até o 50% no interior, sen opción polo momento de utilizar a barra.

Unha das restricións máis destacadas refírese aos grupos de persoas. Agora poderán ser dun máximo de 6 non conviventes en exteriores e de 4 en interiores con unha salvedade: dentro das casas só poderán reunirse persoas conviventes. Esta medida atende ao acordo adoptado a semana pasada no seo do Consello Interterritorial de Saúde, onde as comunidades e o Goberno do Estado decidiron poñer ese límite de cara á ponte do Día do Pai e as vacacións da Semana Santa por ser datas en que se agarda unha maior interacción social.

Cabe recordar a este respecto que “convivente” significa iso, persoas que vivan baixo o mesmo teito, que é moi distinto de familiares ou amizades coas que se teña unha relación moi estreita, cos que non hai posibilidade de reunirse na mesma casa. Dentro da norma hai excepcións, como por exemplo o coidado de persoas maiores, de menores, de discapacitadas, de aquelas especialmente vulnerables ou que sexan dependentes. Tamén se permite que unha persoa que viva soa -só unha, non máis- se integre como convivente noutro grupo familiar. A medida non se aplica tampouco ás xuntanzas de menores de idade cos seus nais e pais no caso de que non vivan con eles ou a aqueles encontros de persoas con vínculo matrimonial ou de parella que vivan en domicilios diferentes.

Outra medida reseñable é a referida á mobilidade: Galicia seguirá pechada perimetralmente e o toque de recollida continuará manténdose entre as 22.00 e as 06.00h., aínda que no Consello Interterritorial de Saúde se dese a posibilidade de amplialo unha hora. Cómpre ter en conta que poderemos movernos por todos os concellos de Galicia con unha incidencia menor de 500 casos a 14 días por cada 100.000 habitantes. Isto quere dicir que só Maside, Paradela e Vilardevós teñen restrinxida a entrada e a saída. Na nosa comarca Neda quedará en Nivel Alto de restricións e Valdoviño e Mugardos en Nivel Medio. Neses tres concellos  serán de aplicación as limitacións que correspondan a cada nivel -aforos da hostalaría, principalmente- pero podemos ir a eles e a súa veciñanza tamén pode moverse con total liberdade polos demais municipios.

Se cadra o principal cambio é o relativo aos horarios e capacidades da hostalaría. Nos municipios en nivel medio-baixo (os que teñen unha incidencia acumulada a 14 días por debaixo de 150 casos por cada 100.000 habitantes), como é o caso de San Sadurniño e de practicamente todos os concellos da comarca, os bares e restaurantes poderán abrir até as 21.00h. -ata as 21.30h. para entregas no local e as 24.00h. para reparto a domicilio- a un 75% da capacidade das terrazas e un 50% en interior. Sexa dentro ou sexa fóra, as persoas usuarias deberán estar sentadas e non se poderá utilizar a barra. Nas mesas exteriores permítense grupos de ata 6 persoas -conviventes ou non- e nas que haxa dentro do local non poderá haber máis de 4 persoas por grupo.

Tal e como se indica no Plan de Hostalaría Segura de Galicia, os establecementos terán que actualizar a cartelaría informativa sobre aforos -a través da web coronavirus.sergas.gal- e, segundo o publicado onte no DOG, terán que facelo no prazo máximo dos 3 días seguintes á publicación de calquera cambio no nivel de restricións, como é o caso do que entra en vigor esta medianoite.

Misas, mortorios, enterros e outras xuntanzas…
O DOG tamén se refire ás limitacións aplicables a outras actividades. É o caso dos aforos en igrexas e outros lugares de culto, que non poderán exceder o 50% da súa capacidade. Nos velorios o número máximo de persoas por túmulo será de 10 -conviventes ou non- e no exterior non poderá haber máis de 25 agardando. As comitivas fúnebres dos enterros seguen limitadas a un tope de 25 persoas entre familiares e achegadas, ademais de quen oficie.

Actos e reunións laborais, institucionais, académicos ou profesionais: na nosa zona, máximo 75 persoas en espazos pechados e 150 en lugares abertos, sen exceder en ningún caso o 50% da capacidade do recinto en que se desenvolvan.

Actividade comercial…
O comercio polo miúdo que non dependa de parques comerciais pode cubrir ata o 50% do seu aforo e pechar, como moi tarde, ás 21.30h., a menos que teña un horario inferior.  As tendas que formen parte de centros e parques comerciais tamén pecharán a esa hora e terán o mesmo límite de capacidade. As zonas comúns son só para tránsito sen pasar do 30% da súa capacidade e non se permite a utilización de mobiliario ou espazos recreativos.

As feiras ou mercados de rúa seguen como até agora: poderán acoller o 100% dos seus postos se habitualmente teñen 50 ou menos, o 75% se teñen autorizados entre 50 e 100 e 50% do total se teñen máis de 100 puntos de venda autorizados. Poderase compensar estas porcentaxes incrementando a superficie dispoñible ou celebrando a feira ou mercado en máis dun día.

Academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación: máximo 50% da súa capacidade e sempre asegurando a separación interpersoal, que é norma de obrigado cumprimento para calquera situación salvo que se trate de persoas conviventes. Tamén poden volver abrir nos concellos de incidencia media-baixa os locais de xogos e apostas ao 50% e ata as 21.00h.

Turismo…
Hoteis, albergues e establecementos turísticos: en albergues, máximo 30% dos espazos de aloxamento compartido. Lugares comúns de hoteis, albergues e aloxamentos turísticos, máximo 50%. Poderán ofrecerlle servizos de restauración á clientela aloxada e, no caso de clientela de fóra, de acordo coas normas que rexen para a hostalaría.

Actividade deportiva e ao aire libre…
En concellos en nivel de restrición media-baixa, como San Sadurniño, permítese o deporte individual ou colectivo sen contacto físico e usando máscara ata un máximo de 6 persoas de maneira simultánea, sexan ou non conviventes. O público en eventos deportivos -e tamén en cines, teatros e auditorios- non poderá sobrepasar o tope de 300 persoas en lugares pechados e 1.000 en lugares abertos e en ningún caso exceder o 30% de ocupación asegurando o distanciamento persoal (salvo conviventes). Deberán seguir levando un rexistro que permita rastrexar posibles gromos.

Pesca e actividade cinexética: permitidas sen superar a limitación á agrupación de persoas, aínda que está autorizado superar esa restrición no caso de determinadas accións de caza colectiva do lobo ou o xabaril.

Parques infantís e biosaudables: máximo 1 persoa por cada 4 metros cadrados.

As actividades turísticas ao aire libre organizadas por empresas poden xuntar grupos de ata 8 persoas sen contar monitor/a. Se se trata de centros de interpretación, aulas da natureza ou espazos similares, máximo 6 persoas por grupo sen superar en ningún caso o 50% da súa capacidade.

Outras actividades…
Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposición, monumetos e outros equipamentos: nos concellos de nivel medio-baixo coma o noso, o tope dos aforos sitúase no 50% e as actividades grupais serán dun máximo de 4 persoas máis a persoa de monitorado.

As actividades de tempo libre para a poboación infantil e xuvenil ao aire libre teñen o límite máximo de 50 persoas -en ningún caso exceder o 50% da capacidade-. Se son en interior, máximo 25 persoas. Grupos de 4 en interior e de 6 en exterior.

Os centros de lecer infantil -as famosas “bolas”- poden abrir até o 50% da súa capacidade asegurando que haxa un monitor/a por cada 10 participantes. Se as actividades son grupais, máximo 4 en interior e 6 en exterior.

O principal neste momento é actuar con moito sentido común: evitar aglomeracións, limitar a interacción social con outras persoas e desprazarse só o necesario. Un consello ao que se lle deben engadir as medidas de autoprotección, como por exemplo o uso correcto da máscara, a hixiene frecuente de mans e a separación interpersoal.

 

 

 

 

 

Share.