Cales son as novidades da Xunta sobre o control da COVID-19?

0

Os contaxios de coronavirus están multiplicándose exponencialmente desde hai uns días, situando Galicia nunha perigosa curva ascendente que non para de subir. De momento son casos asintomáticos ou que poden ser seguidos en domicilio, de maneira que non se produciu unha sobrecarga na rede hospitalaria por causa da COVID-19. Pero os datos están aí: o pasado 22 de xullo contabilizábanse 163 persoas infectadas, o número máis baixo desde que se produciu o pico da pandemia. Despois dese día o SERGAS volveu rexistrar un incremento lento e progresivo até o 7 de agosto, momento no que a suma empezou a medrar máis rapidamente -a unha media aproximada de 100 infeccións rexistradas por día- ata situarnos este luns 17 de agosto nos 1.400 casos activos (118 máis ca onte). O uso da máscara, a separación interpersoal, a hixiene de mans e respiratoria e evitar o contacto con persoas non convivintes son as catro medidas básicas que se deben cumprir e, polo que se ve, non sempre se están cumprindo. Ese é o motivo de que todas as Comunidades Autónomas e o Estado decidisen o venres -dentro do Consello Interterritorial de Saúde- incrementar de forma unificada as restricións e recomendacións. No caso de Galicia parte dos cambios saíron publicados no DOG o sábado e xa están en vigor desde a pasada madrugada.

Unha das primeiras medidas é o a obriga de pechar para os locais de ocio nocturno, como son as discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas e salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores.

A hostalaría e a restauración tamén estarán suxeitas a novas restricións: teñen a obriga de pechar como moi tarde á 1 da madrugada e non poderán aceptar máis clientela a partir das 12 da noite. Deberase garantir a distancia interpersoal mínima de 1,5 metros en servizos de barra. Tamén haberá que garantir a distancia mínima entre mesas que asegure unha separación de 1,5 metros entre persoas. En mesas ou agrupación de mesas non poderá haber máis de 10 persoas.

Agora en todo o Estado é de aplicación a “prohibición” de fumar ou vapear en espazos ao aire libre, públicos ou abertos ao público -terrazas, por exemplo- se non se pode garantir unha distancia de 2 metros con respecto a outras persoas. A normativa non prohibe directamente fumar, senón que o fai pola volta deixando ás persoas fumadoras ou vapeadoras case sen opcións para non incumprir a lei. A máscara -que é obrigatoria sempre- só se pode sacar no momento xusto do consumo e só se podemos asegurar que non imos ter xente a menos de 2 metros, algo que é imposible de prever cando andamos pola rúa ou cando estamos nunha terraza. Caber recordar, ademais, que se mantén a prohibición de consumir alcol na vía pública, co que se quere impedir a celebración de botellóns e outros encontros que poden ser vectores de contaxios.

Ademais das restricións tamén hai recomendacións. A principal é a de que se restrinxan os encontros sociais fóra do grupo de convivencia estable e que eses encontros -enténdese que en espazos públicos e privados, posto que non se especifica- se limiten a un máximo de 10 persoas.

Nos espazos privados, abertos ou pechados, a Xunta recomenda o uso da máscara no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non convivintes, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a aplicación de medidas de hixiene.

A Xunta aínda non se pronunciou sobre outros acordos adoptados no Consello Interterritorial de Saúde
Tal e como informou o venres o Ministro de Sanidade, Salvador Illa, o Estado e as CC.AA. acordaron levar á práctica medidas preventivas a maiores que, porén, a Xunta aínda non levou ao DOG.

O acordo estatal fala da obriga de limitar as visitas nas residencias de anciáns e centros sociocomunitarios a unha soa persoa por residente e cunha duración máxima de unha hora ao día (agás para acompañamento nos últimos momentos da súa vida). Segundo comunicou o Ministro de Sanidade, as visitas aos centros sociosanitarios han de ser escalonadas e recoméndase efectuar probas PCR periódicas para detectar posibles casos. Illa tamén mencionou a obriga de facerlles probas PCR obrigatorias a todos os novos ingresos nun prazo máximo de 72 horas. Esas probas deben ser obrigatorias, ademais, para todo o persoal que se reincorpore das súas vacacións.

A este respecto, o DOG do sábado só menciona que as consellerías “competentes” en materia de política social e sanidade “determinarán as medidas específicas”, aínda que sen especificalas.

No Consello Interterritorial de Saúde tamén se lles recordou ás Comunidades Autónomas que deben contar con medios suficientes para a detección precoz, seguimento de casos e capacidade de atención do seu sistema sanitario.

 

Share.