Brío busca xente para bailar a Global Muiñeira de Gadis

0

O anuncio publicitario de Gadis é xa un clásico nas datas previas ao Nadal. A mensaxe que naceu con aquel exitoso “Vivamos como galegos!” foi mudando ano a ano e neste 2017 propón difundir a muiñeira por todo o mundo como sinal identitario da nosa cultura. Primeiro foi o anuncio en televisión e, recentemente, lanzouse unha campaña nas redes na que se convida a subir un vídeo a youtube bailando as bases rítmicas propostas pola cadea alimentaria. Cariño, o Centro Galego de México, un colectivo de Mos -Pontevedra- e varias persoas a título individual xa o fixeron. E agora é o Club Brío quen propón sumarse á iniciativa xuntando o maior número posible de xente de San Sadurniño. A idea é sinxela: aprender os cinco pasos básicos da muiñeira da “Teimudos Dance Academy”, xuntarse despois, gravar o vídeo e publicalo. Non hai premio económico, pero si a posibilidade de obter un dos kits da campaña -camiseta, chapa e mochila- e, máis que nada, a posibilidade de iniciarse no baile tradicional co club. Nin sequera fai falla saber bailar. Para iso Brío organizou varias sesións de iniciación gratuítas que comezan este xoves ás 19.00h. na Casa da Cultura.

O Club Brío xa leva varios días traballando coa rapazada na coreografía. A campaña de Gadis dá unha opción de muiñeira tradicional e outra de muiñeira cun toque máis moderno que, porén, mantén as bases rítmicas. De aí que, independentemente da música, os pasos que haberá que aprender serán os mesmos. Son cinco e non teñen maior dificultade. Calquera pode aprendelos nuns minutos e cun mínimo de práctica poderá participar na gravación do flash-mob da campaña.

Que que é un flash-mob?. Pois un flash-mob vén sendo unha actuación musical -ou teatral- protagonizada por un grupo de persoas que se produce de súpeto nun espazo público. Deste xeito, a idea que Brío quere levar a cabo é a de xuntar xente -canta máis mellor- para bailar a muiñeira global de Gadis nalgún lugar de San Sadurniño (ou varios) e despois montar un vídeo co material que se grave.

Dependendo do éxito da convocatoria barállanse localizacións como o patio do CPI ou os xardíns municipais. Incluso se estuda a posibilidade de gravar fragmentos noutros lugares do territorio para despois xuntalos no vídeo final.

En calquera caso, agora o máis urxente é reunir xente que se anime a bailar, xa que hai pouco máis de dúas semanas para preparar a peza, gravala e publicala en youtube. Neste sentido, o Club Brío organizou para este xoves a partir das 19.00h. na Casa da Cultura unha clase aberta para quen queira participar nesta iniciativa que xunta o baile galego coa oportunidade de dar a coñecer San Sadurniño dun xeito distinto.

A clase -dunha hora de duración- é gratuíta e aberta a persoas de calquera idade. Ademais de tentar poñer en marcha o flash-mob da “Global Muiñeira”, Brío busca que a xente probe o baile tradicional coa finalidade de promover a súa práctica entre a veciñanza e de crear un grupo estable que, se cadra, poida coordinarse coas escolas de pandeireta e de gaita nas que xa participan varias das súas compoñentes.

 

Share.