“Breixo”, unha curta de amor e de apego á terra

0

Fálame de San Sadurniño publicou o venres pasado unha nova peza do Chanfaina Lab que nos fala de amores de mocidade, da emigración na busca de oportunidades e tamén do rural como medio de vida. Todo envolto nun formato de comedia romántica á fronte da que se puxo o director coruñés Javier Seoane. O seu título é “Breixo” e, xunto co “Non teño dono” de The Sungirls, é a curta máis coral de todas cantas se produciron ao abeiro do encontro audiovisual do pasado mes de setembro. E é que o director e o seu partenaire creativo e interpretativo, Kevin Lorenzo, acudiron a outros participantes no Chanfaina e varios “extras” para sacar adiante unha peza deliciosa onde se testemuña o proveito que pode tirar o noso audiovisual desa nova plataforma de difusión que é a Internet. 

Breixo é un mozo millennial que traballa no agro en Naraío. Tras anos namorado da súa veciña, unha mañá esperta coas forzas e as ganas de dicirlle todo o que sente por ela, pero os seus plans vense truncados ao recibir a noticia de que ela marcha para seguir formándose e estudando noutra cidade. A partir de aí desencadéanse as tribulacións vitais do protagonista sobre o rumbo que debe tomar o seu futuro. Será o seu propio entorno inmediato quen lle dea consello para atopar o camiño. “Breixo é máis que unha historia de amor rural, Breixo é esperanza, inconformismo, poderío e maduración. Breixo representa a evolución e a loita polo que un realmente quere, sente e soña nun mundo onde os soños poden estar o alcance dun mesmo”, comenta o profesor Manolo González na ficha da curta publicada o venres en Fálame de San Sadurniño.

O académico desfaise en eloxios dirixidos tanto á peza como aos seus autores, o director Javier Seoane e o coguionista e intérprete Kevin Lorenzo, parella creativa que se achegou ao Chanfaina da man de Ángela Arnosa. Como experimentados realizadores de webseries decatáronse axiña de que a mellor opción para “cociñar” a súa peza era aproveitar os recursos que tiñan á súa disposición: “O feito de que Ángela e Kevin fosen parella foi unha circunstancia decisiva para decidirnos a guionizar unha historia de amor ambientada nun entorno rural. Logo non fixemos máis que utilizar as marabillosas localizacións de San Sadurniño e aproveitar a presenza de actores e cineastas tanto locais como foráneos durante os dous días do Chanfaina para desenvolver unha comedia romántica nun contexto rural”.

“Breixo” é unha peza de narración áxil e fresca que xoga cos códigos clásicos do xénero da comedia romántica e actualízaos con arrecendos ao xeito de Edgar Wright. Javier optimiza e xestiona intelixentemente o que ten á man: localizacións, actores e actrices, algúns de gran traxectoria como Melania Cruz ou Tito Asorey, mais tamén veciños e veciñas moi coñecidos do concello, como Carmiña da Laxe -unha das youtubeiras das hortas e actriz en “Antes de perder”, de PLAYZ-, ou o documentalista Abel Vega, metido por primeira vez a actor de ficción.

A pesares da inevitable improvisación e o escaso tempo de gravación, o cineasta coruñés foi quen de artellar unha historia coral de amor e de humor con tintes cómicos e dramáticos. A peza ten un aderezo final na posprodución cunha montaxe rítmica e toques de estilo anime xaponés: ”Breixo nace como forma de reivindicar o que moitos millenials están a pasar e a vivir actualmente levado a un ámbito de “comedia romántica rural”. Traballos precarios, duros e diarios, onde a luz está sempre no amor e na esperanza dun futuro mellor, pero o medo e a conformidade pola situación fan que as forzas por saír fiquen debilitadas, e a propia loita quede estancada..”

Share.