Biela e Chaveta organiza para o domingo unha ruta polos montes de San Sadurniño, Moeche e As Somozas

0

A “I KDD Sansa” -Quedada Sansa- que organiza o club ciclista Biela e Chaveta proporalle ás persoas amantes da bici de montaña, da lama e dos desafíos un percorrido de 42 quilómetros con saída do CPI de San Sadurniño e destino ás Somozas seguindo o curso do Xubia para despois retornar ao punto de partida. Será este domingo a partir das 9.00h. e o prazo para inscribirse na ruta finaliza este mércores ás 23.59h. O prezo son 15€, incluíndo seguro e xantar. No momento de elaborar esta información xa había 40 persoas apuntadas.

O trazado deseñado por Biela e Chaveta non está pensado para persoas non iniciadas no mundo da mtb. A palabra “ruta” pode levar a pensar nun paseo como outros que organiza o club para toda a familia. Pero non, o do domingo non vai ser un paseo, senón un percorrido dos que lle prestan á xente amiga de furar coa bici. En Biela sábeno, e por iso buscaron un percorrido no que o asfalto é un mal necesario para chegar aos lugares onde está a acción: as pistas forestais, as corredoiras e os carreiros.

O camiño vai desde o patio do colexio público de San Sadurniño ata o lugar do Coto, nas Somozas, pasando antes por Ferreira e Moeche. Seguiranse pistas próximas ao río Xubia xa que, mirando o mapa, semella que o club quixese facer unha ruta na que o río fose fío condutor das pedaladas. O caso é que falamos de 41.29 quilómetros de distancia entre unha ida e unha volta que difiren no itinerario en varios puntos.

O comezo será suave ata Ferreira. 5 quilómetros de quecemento que lle darán paso a unha forte pendente no lugar da Camba e, despois dela, un tramo máis ou menos nivelado. A primeira proba seria darase a metade de percorrido. Entre o quilómetro 12 e o 20 as persoas participantes deberán salvar 200 metros de desnivel e despois terán un pequeno intre de relax ao chegar á fervenza do Coto baixando outros 100.

Porén, o espectáculo seguramente se dea ao pouco de emprender a volta. Volverán recuperar unha cota superior aos 300 metros que despois se desfará nunha pendente de menos de 2 quilómetros pero na que baixarán ata os 170 metros de altitude. E non será a última, xa que pouco despois -entre Gradoi e a piscina de Moeche- aínda perderán outros 150 metros en tres quilómetros que discorren paralelos ao Xubia. A partir de aí o desnivel suavízase e xa será case todo en baixada ata a chegada a San Sadurniño.

O itinerario está calculado para poder facerse nunhas catro horas ou algo máis. Cómpre ter en conta que a inscrición na ruta dá opción ao xantar que se ofrecerá no restaurante a Trasanquesa ás 14.30h. e por iso a chegada dos e das primeiras ciclistas seguramente se produza despois das 13h. Á chegada ao colexio terán á súa disposición duchas e un servizo de lavado de bicicletas, algo que será de agradecer tras unha fin de semana que ameaza choiva e pistas enlamadas.

O prezo de participación na ruta son 15€ incluíndo o xantar. Quen queira apuntarse debe apurar porque o prazo remata este mércores ás 23.59h. Todo o que cómpre saber sobre o itinerario, así como a inscrición en liña, está dispoñible na web sansa.galitiming.com. Na organización colaboran a propia web Galitiming.com, a tenda Bikeworks, o restaurante A Trasanquesa e o Concello de San Sadurniño.

Esta información elaborouse con datos facilitados polo Club Biela e Chaveta. Calquera outra entidade que queira publicitar nos medios municipais -web, facebook, google calendar, Novas, twitter e instagram- os eventos que organiza, debe enviar os datos ao correo concellodesansadurnino@gmail.com.

 

Powered by Wikiloc
Share.