Biela e Chaveta e mailo Concello renovan o seu convenio de colaboración por outro ano

0

O presidente do club MTB Biela e Chaveta, Sergio Collado, e a titular da área de Deportes, Sabela Íñiguez, asinaron este mércores o convenio de colaboración entre as dúas entidades para este 2016. O acordo recolle o apoio técnico e loxístico do club ciclista local na organización de distintas actividades promocionais do deporte do pedal. O importe do acordo ascende a 1.000 euros, destinados a programar varias rutas e a colaborar en eventos organizados polo Concello. O máis inmediato será a marcha cicloturista deste domingo con saída de diante do CPI.

O convenio  reflicte “un marco permanente de colaboración” entre o Concello e o club no que dunha banda o ente municipal contribúe “a afianzar o desenvolvemento dunha actividade con proxección de futuro” e da outra Biela e Chaveta “ofrece a súa experiencia e capacidade organizativa en toda actividade relativa á práctica desta actividade”.

O acordo suscrito co Concello -que durará ata decembro- leva aparellado o compromiso do clube de colaborar co departamento de Deportes prestándolle apoio técnico en eventos que se decidan levar adiante en relación co mundo da bicicleta. É o caso da ruta nocturna desenvolvida recentemente dentro dos Venres en Sansa ou da marcha que terá lugar este domingo.

Trátase dunha ruta de dificultade baixa apta para persoas maiores de 7 anos que percorrerá 13 quilómetros do territorio municipal. É nha actividade gratuíta que require inscrición previa, ben chamando á Casa da Cultura ou no propio punto de saída minutos antes do seu comezo. A cita é ás 11.00h. diante do CPI. Abonda con levar a bicicleta, casco e bebida para o camiño. Os nenos e nenas deberán ir na compaña dunha persoa adulta.

Ao remate da volta todas as persoas participantes recibirán unha camiseta de agasallo e, ademais, haberá un sorte de material para ciclismo.

 

Share.