Bieito Beceiro atrévese a definir o indefinido

0

Quinta estrea das curtas gravadas no Chanfaina Lab do mes de setembro. Volve tocarlle a un que xogaba na casa, Bieito Beceiro, quen asina o filme “Indefinido”. Unha peza que tira de simbolismo onírico e poesía deixando sobrada marxe á interpretación de quen mira. A curtametraxe é iso, unha peza indefinida, produto da imaxinación dun apaixoado do audiovisual que busca os seus referentes no pequeno grande mundo que é a parroquia de Bardaos.

Tal e como explica en Fálame de San Sadurniño o profesor Manolo González -un dos artífices da querencia de Bieito pola imaxe- o director  “non tiña moi claro o tema sobre o que traballar nesta edición do Chanfaina Lab”. Participou activamente nos obradoiros de María Yáñez e no de edición co móbil de Belén Montero e Juan Lesta e aínda tirou tempo para facer a cámara da curta “Galiñocidio” do seu amigo Sebas Rodríguez. Mais non quixo deixar pasar a ocasión para facer “unha peciña que non me ocupara moito tempo e recursos, algo que me permitira conectar co espírito da Chanfaina de experimentar, procurar o meu propio camiño e facer algo diferente ao que sempre fago. Así que me decidín por algo moi sinxelo, onde estivera presente o onírico, ademais da miña propia experiencia vital como estudante, e, por suposto… Bardaos”.

En palabras de González, “Bieito segue na procura do seu estilo propio, experimenta coa imaxe e o son, e atina no obxectivo complexo de definir o indefinido. E faino como un cineasta con mirada, a través da subxectividade e a experiencia persoal, aínda que os asuntos resulten tan sinxelos e etéreos como escoitar unha treboada dende a cama, a irrealidade tras o espertar dun soño axitado ou pechar o ordenador despois dunha longa xornada de traballo”.

“Que cada quen deguste a peza ao seu cachón, mais o pouso que deixa no espectador, acredita que Bieito acada o seu obxectivo de definir o indefinido. Agardamos con impaciencia que o cineasta de Bardaos siga na procura do seu camiño na Chanfaina 18”, remata González.

Share.