A Batuko Tabanka animará o mercado do último domingo de mes

0

Xa está aberto o prazo para que os postos interesados presenten a solicitude de participación no penúltimo mercado local do ano, que terá lugar nos xardíns municipais o domingo 30 de setembro. Ese día volveremos atopar a bo prezo unha chea de produtos alimentarios, artesanía e artigos de segunda man. Porén, tamén teremos música para animar a cita. Nesta ocasión o Concello convidou a agrupación Batuko Tabanka, nacida no seo da colonia caboverdiana asentada na vila luguesa de Burela. Ofrecerán un repertorio tradicional caracterizado polas súas potentes voces e pola suxestiva percusión da batuka, un ritmo xurdido, curiosamente, como expresión de protesta. Ademais de ofrecer un mercado adobiado pola sonoridade africana, o derradeiro domingo do mes tamén será unha xornada dedicada ao ambiente e a preservación dos cauces fluviais coincidindo coa campaña de limpeza simultánea de ríos promovida por ADEGA que en San Sadurniño se desenvolverá nun tramo do Xubia a partir das 10.00h. 

O mercado local pon en valor a produción alimentaria local xunto coa comercialización directa de planta, artesanía e todo tipo de artigos de segunda man. O prazo para solicitar a participación neste penúltimo mercado do ano está xa aberto. A ficha pódese descargar desde esta ligazón para presentala despois no rexistro municipal, a través de correo@sansadurnino.gal ou por correo postal. O prazo remata o próximo 26 de setembro.

Neste día dedicado ao fomento da economía rural tamén teremos con nós o grupo de música caboverdiana Batuko Tabanka, quen animará o mercado local a partir do mediodía. Son unha ducia de mulleres residentes na súa maioría en Burela, onde botaron raíces canda as súas familias a finais dos anos 80 traídas polas oportunidades laborais que ofrecía daquela o traballo no mar.

Con elas chegou tamén a cultura do seu país de orixe, Cabo Verde, mestura da tradición milenaria africana coa influencia portuguesa. Alí naceu a Tabanka no século XVIII como celebración musical, de reafirmación comunitaria -tabanka significa iso, comunidade- e de protesta contra a opresión cando os escravos e escravas tiñan un día de liberdade para facer festa como quixesen. A celebración prohibiuse cen anos despois, pero os ritmos perviviron transmitidos de xeración en xeración ata os nosos días con formacións como Batuko Tabanka, que actuarán nos Xardíns municipais gracias á colaboración do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Limpeza dun tramo do Xubia
Porén, ademais de fomentar o sector primario, o mercado tamén terá unha compoñente ambiental, xa que de alí partirá a expedición para limpar un tramo do río Xubia dentro da xornada de Limpeza simultánea de ríos “Móllate polos ríos” organizada por ADEGA.

Á iniciativa -que sempre cadra na mesma época- sumáronse arredor dun cento de entidades de toda Galicia entre concellos e asociacións. San Sadurniño é un dos municipios que participa habitualmente na campaña e quen queira unirse ao grupo só ten que chamar antes ao 981 490 027 para apuntarse e contar coa cobertura do seguro.

Nos xardíns municipais haberá un posto dedicado á reciclaxe desde onde se partirá ás 10.00h. camiño ao río, volvendo ao mesmo lugar cando se remate a limpeza para tomar uns petiscos. Aconséllase levar botas impermeables de cana alta ou, quen o teña, vadeador.

Share.