Batería de convocatorias da Deputación e da Xunta co arranque do ano

0

O inicio deste 2019 está sendo especialmente prolífico en canto a anuncios de axudas publicadas tanto no Boletín Oficial da Provincia como no Diario Oficial de Galicia. Nos últimos días xa falamos das liñas para previr e compensar os ataques da fauna silvestre. Pero hai máis e en boa medida trátase de convocatorias relativas a apoiar o tecido asociativo, a creación cultural e mesmo a diversificación económica no rural. Así, a Xunta de Galicia acaba de abrir o prazo para solicitar as axudas do FEADER para crear empresas non agrícolas e tamén as dirixidas a sufragar investimentos realizados por asociacións veciñais, comunidades de augas e asociacións de mulleres rurais. Por outra banda, a Deputación da Coruña tamén convocou un amplo paquete que comprende tanto a mellora de equipamentos como a promoción cultural. Vexámolas con algo máis de detalle.

A primeira convocatoria da Xunta refírese á liña non competitiva para que as entidades poidan acometer obras e outras melloras nas instalacións da súa propiedade -ou sobre as que se teñan dereitos de uso-, ata un máximo de 12.000 euros de subvención cando se trate de reformas e de 5.000 cando a solicitude sexa para a dotación con novo equipamento.

A esta convocatoria poderán acollerse asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións veciñais e asociacións de mulleres rurais de Galicia, ademais das comunidades de persoas usuarias de augas debidamente inscritas no rexistro público correspondente. O prazo de solicitude -que deberá tramitarse por vía electrónica preferentemente- remata o día 4 de febreiro. Toda a información está nesta ligazón.

En relación coa diversificación económica do medio rural, o DOG tamén publicou as axudas do IGAPE destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas. Nelas estarían os obradoiros e fábricas destinados á produción de bens e materiais, a transformación ou comercialización de produtos agrarios, a prestación de servizos, as actividades baseadas nas tecnoloxías da información, a hostalaría, o pequeno comercio e mesmo iniciativas que boten a andar no ámbito da enxeñaría, a arquitectura e outros servizos técnicos.

As axudas están pensadas para titulares ou membros dunha unidade familiar dunha explotación agraria que queiran diversificarse con novos proxectos desenvolvidos na propia explotación, aínda que tamén poderán acollerse a elas microempresas ou persoas físicas que queiran iniciar unha actividade distinta á que tivesen no momento de solicitar a axuda. O importe total da axuda pode chegar aos 70.000 euros, sempre que haxa dispoñibilidade orzamentaria, que se financia nun 75% polo FEADER, mentres que o 25% restante provén de fondos estatais e autonómicos. O prazo de solicitude é de dous meses e rematará o día 4 de marzo. Toda a información, picando aquí.

Ademais destas, na Sede Electrónica da Xunta tamén está publicadas as axudas complementarias do programa comunitario de mobilidade de estudantes Erasmus+ -solicitude ata o 4 de febreiro- e, durante todo o ano, o programa de axudas económicas da tarxeta Benvida.

A Deputación saca a maioría das convocatorias de Cultura
Alén destas convocatorias da Xunta, a Deputación da Coruña tamén publicou este martes 8 de xaneiro un total de 8 liñas de axuda dotadas cun montante global de 3 millóns de euros destinadas tanto a entidades como a municipios e cun contido eminentemente cultural.

As entidades sen ánimo de lucro poderán presentarse así á convocatoria para actividades culturais e tamén á de investimento, para as que a área de Cultura da Deputación da Coruña destina 1.000.000 e 300.000 € respectivamente. Nestas dúas liñas de axuda contémplanse catro modalidades de entidades: as culturais, as veciñais, as socioeducativas e as que teñan unha finalidade social e/ou asistencial. O importe que se ha subvencionar é de 1.000 a 30.000 € no caso de actividades e de 1.000 a 20.000 € no de investimentos.

O anuncio sobre a convocatoria de subvencións para actividade cultural encóntrase nesta ligazón. No caso do programa para gastos en investimento, toda a información está aquí.

As entidades ou fundacións que sexan titulares de museos, centros de interpretacións ou bibliotecas ou que teñan por obxecto o desenvolvemento de actividades culturais optarán a unha convocatoria específica dotada con 465.000 € que subvencionará con cantidades de 1.500 a 30.000 €.

Pola súa banda, as corais polifónicas, as bandas de música populares, as entidades de música e baile tradicional galego e as formacións musicais de grande formato contan tamén con dúas liñas de axuda, unha para actividades dotada con 480.000 € que se distribuirán en achegas de 1.000 a 30.000 € e outra para investimentos, de 195.000 €, con 1.000 como mínimo e 15.000€ como máximo de subvención. A convocatoria pode consultarse desde aquí.

No tocante á promoción cultural, a Deputación tamén volve sacar este ano a convocatoria para apoiar os festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas organizados por entidades sen fins de lucro durante o ano 2019. Resérvase unha partida total de 500.000 euros e as subvencións poderán alcanzar -dependendo da valoración técnica do proxecto presentado- ata un 70% dos gastos subvencionables. As entidades terán que achegar solicitudes cun importe mínimo de 10.000 euros en gastos e unha petición de subvención de, polo menos, 7.500. O tope máximo que se poderá conceder son 60.000. En San Sadurniño, polo momento, só se acolle a esta convocatoria anual a Asociación veciñal O Castelo de Narahío para cofinanciar o Festival do Río Castro. Os requisitos para acceder ás axudas encóntranse aquí.

Xunto con esta liña, o ente provincial tamén reservou unha partida doutros 550.000 euros para subvencionar os festivais organizados polos concellos, que poderán recibir ata 100.000 € por evento. Nestoutras subvencións estarían encadradas, por exemplo, actividades coma o Chanfaina Lab que xa resultou beneficiario das mesmas en anteriores ocasións.

O prazo para solicitar todas estas axudas da Deputación da Coruña remata o 15 de febreiro e, como vén ocorrendo nos últimos anos, haberá que tramitalas a través da plataforma SUBTEL.

Calquera persoa ou entidade que desexe ampliar información ou que precise axuda durante a súa tramitación pode dirixirse ao departamento de Desenvolvemento local, contactando con el a través do 981 490 027. Ademais, cómpre lembrar que no rexistro municipal poden entregarse todas aquelas solicitudes e documentación que as distintas convocatorias permitan achegar presencialmente. 

Información sobre as axudas:
Axudas para investimentos convocadas pola Xunta para entidades veciñais e comunidades de augas – ata o 4 de febreiro
Axudas da Xunta para novas iniciativas empresariais non agrícolas ata o 4 de marzo
Outras axudas publicadas na Sede Electrónica da Xunta

Axudas da Deputación da Coruña para actividade cultural dirixidas a entidades sen ánimo de lucro – ata o 15 de febreiro
Axudas da Deputación da Coruña para investimento cultural dirixidas a entidades sen fins de lucro – ata o 15 de febreiro
Axudas provinciais para bandas e agrupacións musicais – ata o 15 de febreiro
Axudas da Deputación para festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas organizados por entidades sen fins de lucro – ata o 15 de febreiro

 

Share.