Bardaos on fire

0


Volve o San Pipote, tamén coñecido como “Festas de Santa María en Bardaos”, que é o nome oficial das festas patronais desta parroquia coñecida no mundo enteiro, igual que aquel gaiteiro da sidra. Pasou xa un ano desde a última vez que nos vimos alí. O tempo corre que o leva o demo e canto máis vellos imos, máis apura. Iso ten de bo que as celebracións senlleiras chegan antes, ou así nolo parece aínda que o calendario certifique que daquela a hoxe pasaron eses 365 coas súas 8.760 indefectibles horas. O caso é que en Bardaos están de festa outra vez e este ano optaron por repartir a cousa en tres días: un arranque suave na noite deste xoves no local social, un venres xa de troula con “función” e verbena e, como remate, un sábado de lume a tope con música, olimpiadas rurais, máis música, a procesión do santo bocoi e música outra vez ata que case se vexa o cenceno alumeado polo sol. E o domingo, botarse descansar…, igual que aquel…, ben, será mellor non facermos a comparación.

A Santa María de Bardaos, máis coñecida polo seu outro nome oficioso, o de San Pipote, é unha das festas máis multitudinarias da comarca. Volve repetir a estrutura que tan ben lle funcionou nos últimos anos, cun comezo o xoves en plan tranki no local social para degustar uns guarisnais acompañados da música do grupo folc Dequenvessendo e do rock de Black Jack, pero tamén para gozar coa proxección do vídeo-pregón da festa. Un vídeo que non é o promocional que leva circulando xa varios días -obra do realizador local Bieito Beceiro– senón outro máis na liña humorística habitual do San Pipote gravado e editado tamén por Bieito sobre unha idea do incombustible Carlos Cobelo e da comisión de festas deste ano.

Mañá venres a festa xa se traslada ao campo anexo á igrexa parroquial. Ás 13.30h. haberá misa e posteriormente sesión vermú animada pola orquestra Bambolea, que á noite subirá ao escenario alternando coa Fénix.

O sábado, día central do San Pipote, tamén teremos misa e sesión vermú coa orquestra Foliada e, trala sobremesa, a iso das 18.00h., o contorno da área recreativa volverá converterse en escenario das Olimpiadas parroquiais con todo tipo de retos disparatados cos que poñer a proba forza, habilidade e resistencia. Mentres os equipos se baten amuerte na área recreativa, un grupo de gaitas percorrerá a parroquia intercambiando melodías tradicionais pola vontade de cadaquén, que case sempre acaba enchendo o caldeiro.

Pola noite actuarán de novo a Foliada e a América S.L. e sobre a 1.00h. tomará o campo da festa a procesión pagá do San Pipote, ese inmenso bocoi cheo de calimotxo que despois calquera poderá beber ad-libitum ata que a billa deixe de manar. A festa rematará ben entrada a madrugada e, este ano por primeira vez en moitos, non haberá sesión vermú o domingo. E ben lle chega, ou?

Outras actividades da fin de semana
En relación coa programación desta fin de semana tamén temos que citar a actuación que ofrecerá a coral de Lamas-San Sadurniño na tarde do sábado -17.00h.- no local social da Seara. Trátase dun evento con entrada libre organizado pola Asociación Veciñal O Pico de Ferreira.

Ao día seguinte, domingo, na Casa da Cultura poderemos asistir á proxección do filme “Encallados” dirixido por Alfonso Zarauza, quen nos sirve unha comedia sobre o cine dentro do cine, chea de autocrítica, honestidade e humor.

A película recrea as vivencias dun grupo de amigos volcados no intento de facer un filme co naufraxio do Prestige como fondo argumental. Obtivo varios premios Mestre Mateo e contou coa colaboración de Luís Tosar como actor e produtor. O pase comezará ás 20.00h. e é gratuíto.

Share.