Bardaos entrégase a tres días de festa

0

A parroquia de Bardaos celebra este venres e máis este sábado as festas patronais na honra de Santa María. Dun tempo a esta parte os festexos son máis coñecidos en toda a volta como “San Pipote” polo costume relativamente recente de sacar en procesión na noite do sábado un grande bocoi cheo de calimotxo. Chámese dun xeito ou doutro, o certo é que Bardaos se converte en epicentro trouleiro reunindo milleiros de persoas nunha das últimas grandes citas do verán. Malia que a festa propiamente dita é venres e sábado, a actividade na parroquia comeza no local social na noite deste xoves coa actuación do grupo de rock “Más madera”.

O local de Bardaos é, un ano máis, o punto elixido para ir meténdose en situación, para quentar motores de cara ás dúas xornadas seguintes, que nos deparan música e outras actividades. Así, o venres celebrarase misa ás 13.30h. e ao seu remate teremos sesión vermú coa orquestra Superfama. Este grupo repetirá pola noite batíndose nun duelo musical con Nebraska.

A novidade deste ano é que se adiantan ao venres as Olimpiadas Parroquiais que teñen lugar na área recreativa. A razón do cambio de día é, segundo parece, quitarlle apuro á organización, xa que esta actividade practicamente conectaba cos preparativos da procesión da noite sen darlles tempo a parar sequera un minuto. Así que, na Santa María-San Pipote de 2018 o espectáculo de todos eses xogos e deportes non federados -carreiras á carretilla, loita  na cucaña, carreiras en big-bag e outras probas por equipos- se desenvolverán, repetimos, o venres a partir das 18.00h. na área recreativa e no prado que hai ao seu carón.

O terceiro e último  día das festas, o sábado, volverá ofrecer misa ás 13.30h. seguida da sesión vermú animada por La Bamba. Pola noite a música será cousa desta mesma orquestra e de Assia, que este ano está arrasando -igual que a Claxxon- repasando éxitos dos 80 e 90 cunha grande fidelidade aos orixinais. Aproveitando un dos cambios de orquestra, sobre a unha da mañá, será cando se celebre a procesión do San Pipote, que en realidade son tres: o Pipote, a Pipotiña e mailo Pipotiño. A procesión incluirá, si ou si, a tamén tradicional alocución pública de Carlos Cobelo.

Desde a páxina en facebook da Parroquia de Bardaos-San Pipote informan que este ano haberá tres grandes aparcamentos gratuítos no entorno da festa, unha área delimitada para acampar, outra para merendas e aseos con persoal de limpeza. Tamén aseguran que perder o San Pipote “é pecado”.

 

Share.