Axudas para a renovación de lousados e fachadas con pizarra

0

Publicada no DOG do xoves 6 de xullo a orde coa convocatoria de axudas para a renovación de fachadas e de cubertas con lousa. Esta orde ten por obxecto aprobar tanto as propias subvencións como as bases polas que se rexerá a súa concesión por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en réxime de concorrencia non competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IN314A). Cómpre destacar que as axudas van destinadas a renovar totalmente fachadas ou cubertas existentes, non á nova construción  ou á renovación parcial das mesmas. Tanto nun caso coma no outro os materiais usados han de ser obrigatoriamente de pizarra, posto que con esta liña de axudas tamén se pretende promover o uso deste material natural polas súas posibilidades construtivas e por tratarse dun excelente regulador térmico que contribúe ao aforro de enerxía.

Condicións:  A actuación subvencionable será a renovación de fachadas e cubertas existentes de vivendas unifamiliares ou edificios de vivenda colectiva, xunto coas súas instalacións anexas, de ser o caso, por unha fachada ou cuberta de lousa. Non se admitirán as solicitudes que consistan na realización de obras ou traballos de renovacións parciais da fachada ou cuberta.  A renovación ten que cumprir ou mellorar as exixencias mínimas que fixa o Código técnico da edificación no documento «DB HE-1 Limitación da demanda enerxética». Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Custes subvencionables:  entre outros, os custes das memorias básicas, informes técnicos e certificados necesarios, ou proxectos de arquitectura ou enxeñaría na parte correspondente ás actuacións a subvencionar, licenzas, desmontaxe de fachadas e cubertas existentes, materiais das novas fachadas e cubertas de lousa -que deberá ser da calidade “primeira selección”, custos de montaxe das novas fachadas e cubertas.

Custes non subvencionables: a substitución ou instalación das carpintarías exteriores (portas, fiestras e canalóns), vidros e chemineas, os gastos e custes financeiros xerados, como consecuencia do investimentos e os gastos realizados en bens usados. O imposto sobre o valor engadido (IVE) subvencionarase cando non sexa susceptible de recuperación ou compensación.

Importe das subvencións: ata un máximo do 40% dos custos totais subvencionables, que non poderán exceder os 70€/m², ive incluído cando este imposto sexa subvencionable (cando o solicitante non poida recuperalo). O orzamento máximo de toda a convocatoria é de 893.861,14 € que a Xunta poderá ampliar.

Prazo de presentación de solicitudes: 3 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación no DOG

Lugar de solicitude: preferiblemente por vía electrónica -tamén se pode presentar no rexistro do Concello- cubrindo o formulario normalizado, mediante a aplicación informática habilitada pola Xunta, ou ben desde a web https://appsdxem.xunta.gal/renovelousa. Unha vez validada a solicitude e sempre e cando existan fondos dispoñibles, a aplicación informática reflectirá o estado de «Reservada». O estado de «Reservada» significa que na aplicación se reservou a contía da axuda correspondente para esa solicitude, a expensas da comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria.

Máis información:  
Páxina web oficial da consellería: http://ceei.xunta.gal.
Nos teléfonos 981 95 70 92 ou 981 95 72 58.
No enderezo electrónico: cei.dxiem.axudasminas@xunta.gal
No Diario Oficial de Galicia

Share.