Axudas para a rehabilitación de fachadas con granito

0

Publicada no DOG do xoves 6 de xullo a orde coa convocatoria de axudas para a rehabilitación con granito de fachadas en vivendas existentes. Esta orde ten por obxecto aprobar tanto as propias subvencións como as bases polas que se rexerá a súa concesión por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en réxime de concorrencia non competitiva na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IN316A).

Condicións:  A actuación subvencionable será a a rehabilitación con granito da envolvente das fachadas existentes de vivendas ou edificios de vivenda colectiva. Non se admitirán as solicitudes que consistan na realización de obras ou traballos de rehabilitacións parciais da fachada. A solución construtiva elixida ten que cumprir as especificacións da Norma UNE 22203. “Construción de aplacados de fachada con pedra natural”, en canto ao deseño e construción da fachada ou envolvente térmica. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Custes subvencionables:  entre outros, os custes das memorias básicas, informes técnicos e certificados necesarios, ou proxectos de arquitectura ou enxeñaría na parte correspondente ás actuacións a subvencionar, licenzas, desmontaxe de fachadas, man de obra, materiais das novas fachadas.

Custes non subvencionables: a substitución ou instalación das carpintarías exteriores (portas, fiestras e canalóns), vidros e chemineas, os gastos e custes financeiros xerados, como consecuencia do investimentos e os gastos realizados en bens usados. O imposto sobre o valor engadido (IVE) subvencionarase cando non sexa susceptible de recuperación ou compensación.

Importe das subvencións: ata un máximo do 40% dos custos totais subvencionables -tope de 12.000 euros por vivenda unifamiliar e de 40.000 por bloque de vivendas-. O importe non poderá exceder os 110€/m² no caso de fachadas pegadas de granito, os 140€/m² no caso de fachadas trasventiladas de granito e os 130€/m² se as novas fachadas son de perpiaño de granito; ive incluído cando este imposto sexa subvencionable (cando o solicitante non poida recuperalo ou compensalo). O orzamento máximo de toda a convocatoria é de 200.000 € que a Xunta poderá ampliar.

Prazo de presentación de solicitudes: 3 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación no DOG

Lugar de solicitude: preferiblemente por vía electrónica -tamén se pode presentar no rexistro do Concello- cubrindo o formulario normalizado, mediante a aplicación informática habilitada pola Xunta, ou ben desde a web https://appsdxem.xunta.gal/renovegranito. Unha vez validada a solicitude e sempre e cando existan fondos dispoñibles, a aplicación informática reflectirá o estado de «Reservada». O estado de «Reservada» significa que na aplicación se reservou a contía da axuda correspondente para esa solicitude, a expensas da comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria.

Máis información:  
Páxina web oficial da consellería: http://ceei.xunta.gal
Nos teléfonos 981 95 70 92 ou 981 95 72 58.
No enderezo electrónico: cei.dxiem.axudasminas@xunta.gal
No Diario Oficial de Galicia

Share.