Axenda completa para os próximos días entre actividades municipais e veciñais

0

Ao longo desta semana e da que vén teremos en San Sadurniño unha boa presada de propostas culturais e de lecer encadradas tanto na programación municipal como na deseñada polas entidades do territorio. Adiantamos a luns o listado de previsións xa que parte delas requiren incrición previa e, ademais, hai algunhas que coinciden no mesmo día. Así que, mirade, valorade e elixide. Hai de todo un pouco: comelladas festivas, excursións e eventos relacionados coa igualdade, a historia e o feminismo que arrancan na semana en que se celebra o Día Internacional das Mulleres do Rural. Repasemos, polo tanto, todo o que hai xa publicado na nosa axenda de Google Calendar

A oferta arranca o xoves á tarde na Casa da Cultura –20.00h.– coa presentación do libro “A memoria do silencio”, escrito pola xornalista Eva Mejuto e editado por Xerais. A obra novela cun formato xuvenil a historia real das irmás Lola, Julia e Amparo Touza, quen axudaron a salvar do xenocidio Nazi a máis de 500 persoas xudeas.

O libro mestura ficción e realidade para servir un relato que ten como escenario a Ribadavia da posguerra -entre 1943 e 1945- e a maneira en que as tres irmás solventaban, con axuda dunha rede veciñal segreda, o tránsito a Portugal das familias xudeas provenientes de Alemaña. Da historia -coñecida por moi pouca xente- empezouse a falar no ano 2005, trala morte das última das tres irmás. Hoxe hai en marcha un proceso para recoñecelas como Xustas entre as Nacións, distinción que concede o Estado de Israel a aquelas persoas que salvaron vidas do Holocausto de forma desinteresada e poñendo en risco a súa propia.

O 15 de outubro celébrase o Día Internacional das Mulleres Rurais, unha data que a AVV O Castelo de Narahío conmemora cunha charla sobre feminismo –Local da Veiga, venres ás 20.30h.– impartida pola profesora e activista Pilar García Negro. A sesión, titulada “O feminismo galego comezou en Rosalía de Castro”, abordará as relacións entre o movemento, a cultura e a política no contexto galego, facendo un repaso histórico desde Rosalía de Castro até os nosos días. Neste sentido tamén se falará da situación sociopolítica e mediática actual en relación coa procura dunha igualdade plena de dereitos, que nos ámbitos rurais levan, se cadra, máis retraso que en entornos urbanos.

En relación coa igualdade, para o mércores 23  -17.00h., Casa da Cultura- está programado o obradoiro “Coeducamos?”, encadrado no programa Ler Conta Moito e nas accións do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. A actividade está pensada para as nais e os pais de crianzas pequenas, co obxecto de promover unha coeducación dende idades temperás. Facilitaranse consellos e bibliografía de referencia para educar na casa -primeiro lugar de socialización- desde unha perspectiva igualitaria, é dicir, sen impoñerlles roles ás nenas e nenos por cuestión do xénero.

Para participar no obradoiro fai falla inscrición previa chamando ao 981 490 027 ext. 1 ou enviando un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal. Estas mesmas vías de contacto tamén se deben usar para apuntarse na sesión que haberá o sábado 26 na Casa da Xuventude, dirixida a mocidade de 14 anos en diante e centrada no deseño de bolsas con lemas, palabras e formas representativas da loita pola igualdade e contra a violencia.

Festexadas
E este sábado tamén teremos festexadas con compoñente gastronómica. Bardaos pecha temporada este sábado coa súa tradicional churrascada, que organizan conxuntamente a comisión de festas e maila Confraría do San Pipote. Servirase un menú a base de callos, churrasco de porco con crioulos e cachelos, sobremesa (doce, requeixo e mel), café e chupiño e, por suposto, pan, viño, auga e refrescos.

Os prezos para veciñanza da parroquia e persoas que colaboran coas festas patronais son 5€, mentres que as persoas convidadas -ou quen se apunte doutro lado sen ter relación coa parroquia- serán 15€. Menores de 10 anos, gratis. Hai que inscribirse chamando xa  ao 679 821 168, ao 696 780 482 ou ao 629 650 224.

A troula arrancará ás 14.00h. cunha sesión vermú a cargo do grupo Tribal, quen volverá actuar á tardiña na compaña de CQC e os seu repaso aos éxitos dos 80 e 90.

Por outra banda, a ACR Santa Mariña do Monte organiza tamén o sábado o San Loureiro, a súa festa veciñal do outono que contará con xantar e música baixo unha grande carpa. Abrirán a xornada ás 13.30h. cunha sesión vermú a cargo do Grupo Pasión e, despois dese primeiro pase, servirase un xantar a base de callos, xamón cocido con patacas, sobremesa, café e chupiño.

Á tarde actuará a Coral de San Sadurniño e, á noitiña, porase tamén a cea antes de botarlle unhas pezas de novo, durante a verbena, co Grupo Pasión. O prezo do xantar/cea son 23 euros. Hai que anotarse o antes posible chamando ao teléfono 620 080 865.

Excursión e magosto en Igrexafeita
O repaso ás propostas que hai para os próximos días lévanos, por último, a Igrexafeita. Mellor dito, a Asturias. E é que a Asociación de Veciños Adiante de Igrexafeita organiza para o sábado 26 de outubro unha excursión na que se visitará o santuario e maila basílica de Covadonga, facendo paradas tamén en Cangas de Onís e na adega de Sidras “El Gaitero”.

O prezo da viaxe son 40€ por persoa, xantar incluído a base dun menú tradicional asturianu. Sairase ás 6 da mañá desde a explanada do Bar Xayda e a volta está prevista para as 22.30 ou 23.00h. Recollen inscricións até o 21 de outubro nos teléfonos 696 912 975 ou 626 839 398.

A asociación tamén nos adiantou xa o programa do seu tradicional magosto, que se celebrará no local social da Torre na tardiña do sábado 2 de novembro e para o que fai falla apuntarse a través das mesmas vías de contacto. A partir das 20.30h. actuará o Mago Adry e logo degustaranse castañas, sopa de cabaza e xamón escaldado. O prezo é de 2€ para persoas socias e de 4€ para non socias. A data límite para apuntarse é o próximo 30 de outubro.

Toda esta información pode consultarse na axenda municipal publicada en Google Calendar, á que podemos suscribirnos desde o móbil, a táblet ou o ordenador persoal.

Share.