Avanza a renovación da cancha do pavillón en espera de adxudicar as obras exteriores

0

O pavillón municipal de San Sadurniño xa ten nova pista de xogos, despois de que esta mañá se completase o estendido da superficie sintética homologada para a alta competición. Na obra, executada ao longo desta semana, investiranse algo máis de 45.000 euros por medio dun convenio coa Secretaría Xeral para o Deporte. Ademais tamén está previsto contratar en breve a remodelación da fachada sur das instalacións deportivas, de cara a mellorar os seus accesos e dotar a entrada do patio do CPI dun espazo cuberto pensado para gorecer a rapazada antes de subir e despois de baixar do bus.

A parte máis complexa da renovación da cancha foi a que se desenvolveu nos últimos días cortando e colocando no chan grandes tiras dun pavimento que combina a resistencia ao desgaste coa capacidade de amortecer os impactos. O material coñécese como PVC deportivo multicapa e  conta coas correspondentes certificacións da normativa UNE e, ademais, dispón da homologación esixida polas federacións internacionais de baloncesto, volei, balonmán e bádminton.

O último detalle que quedaría -e que se agarda rematar mañá- sería o das liñas delimitadoras para cada deporte. Na parte central marcaranse pistas para fútbol sá, balonmán e voleibol -esta última cunha superficie de cor distinta- e, ademais, o pavillón levará ao través outros tres campos de volei pensados para os adestramentos e os torneos simultáneos das categorías de base.

Para o proxecto resérvanse 45.426 euros achegados pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, gracias a un convenio asinado co Concello a mediados de xuño.

Ademais desta obra interior, o Concello tamén ten neste momento en fase de avaliación as propostas presentadas por tres empresas para acometer a remodelación da fachada sur do pavillón, coa finalidade de cambiar para alí a súa entrada principal, mellorar a accesibilidade ás dúas bancadas e construír unha zona cuberta da que tamén poidan beneficiarse as nenas e nenos do CPI ao entrar ou saír da escola en días de auga.

Neste caso o proxecto sufrágase con fondos integramente municipais provenientes dos remanentes económicos cos que pechou o exercicio de 2020. A partida ascende a 76.668 euros e agárdase que á volta duns días a mesa de contratación faga proposta de adxudicación provisional coa finalidade de que as obras -que non interferirían no uso das instalacións- poidan iniciarse no prazo máis breve posible.

Reservas das instalacións municipais e horarios do ximnasio
Desde as áreas de Cultura e Deportes informan que xa está aberto o prazo de solicitude de instalacións deportivas e culturais de cara ao próximo curso. As entidades e particulares que queiran reservar horarios semanais para o Pavillón Municipal, a Casa da Cultura e outras dependencias de uso público deben presentar as súas instancias a través do rexistro ou da Sede Electrónica municipal.

Por outra banda, desde a área de Deportes tamén se comunica que o ximnasio municipal volverá abrir o próximo 11 de setembro, data en que recuperará o seu horario habitual de 16.00 e as 23.00h de luns a venres.

Share.