Autorízase pasear e facer deporte unha vez ao día entre as 6 da mañá e as 11 da noite

0

Xa saíron publicadas no BOE as normas para poder practicar actividade física e tamén para poder dar un paseo ao día. Son as mesmas que indicamos onte. Recordámolas de novo. Tede en conta que San Sadurniño, ao ser menor de 5.000 habitantes, non terá as mesmas restricións que outros concellos da comarca con máis poboación. Iso si, hai que respectar igualmente a normativa que, insistimos, só permite unha saída diaria para facer deporte ou dar un paseo. Vexamos como é a cousa :

Autorízanse desde o sábado 2 de maio -incluído- os paseos de persoas maiores de 14 anos cunha persoa convivente entre as 6.00h. e as 23.00h., nun radio máximo de 1 quilómetro ao redor do domicilio. Será de aplicación tamén a persoas maiores ou dependentes acompañadas dunha coidadora. En calquera caso, máximo dúas persoas.

Autorízase entre as 6.00 e as 23.00h. a práctica de actividade física e de calquera deporte individual non profesional -correr, montar en bici, entre outras,- sen exceder o ámbito territorial do municipio e unha vez ao día. Aquelas persoas que por necesidade teñan que saír acompañadas poderán facelo por unha persoa convivinte, unha persoa empregada do fogar a cargo ou persoa coidadora habitual.

Seguen manténdose as condicións para o paseo con nenos e nenas menores de 14 anos: 1 quilómetro ao redor da casa, máximo tres menores acompañados dun só adulto, unha vez ao día. Agora -en concellos coma o noso, que ten menos de 5.000 habitantes- o horario amplíase desde as 6.00 até as 23.00h.

Deberase gardar a distancia de seguridade de 2 metros entre persoas non conviventes. Estas actividades poden facerse na vía pública, zonas verdes e espazos naturais, pero non en instalacións deportivas pechadas.

MOI IMPORTANTE: Non se poderá coller o vehículo ou o transporte público para ir facer exercicio a outro punto. A actividade física -deporte e paseos- debe realizarse de maneira ininterrompida e evitando paradas innecesarias nas vías ou espazos de uso público. Tamén cómpre coidar as medidas de hixiene e evitar os lugares nos que poidan producirse aglomeracións.

Terán que permanecer na casa as persoas que presenten algunha sintomatoloxía coincidente coa COVID-19 ou que deban gardar corentena. Nos desprazamentos non é obrigatorio o uso de mascarillas, Sanidade só as recomenda se non é posible manter a distancia de seguridade.

IMPORTANTÍSIMO: A autorización para saír dar un paseo ou facer deporte limítase só a iso. Seguimos en Estado de Alarma con orde de confinamento e, polo tanto, non se pode aproveitar este alivio das restricións para ir visitar familiares ou amizades ou para ir facer deporte/dar paseos máis aló das distancias permitidas.

Prégase a máxima responsabilidade individual xa que dela depende que se poida recuperar a normalidade o antes posible.

Orde SND/380/2020, de 30 de abril sobre as condicións nas que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre

Share.