Augas de Galicia require cambios na documentación do PXOM tres anos despois de que o Concello lle solicitase os informes sectoriais

0

O avance na tramitación do planeamento urbanístico de San Sadurniño está pendente nestes momentos de obter os informes favorables por parte de Augas de Galicia relativos, entre outras cuestións, á capacidade dos abastecementos, do saneamento e das delimitacións de zonas afectadas por cauces fluviais. Porén, este mesmo luns o organismo dependente da Xunta achegou un requirimento de documentación que, a xuízo do executivo local, “pode retrasar aínda máis o proceso de aprobación inicial do PXOM”. As cuestións de maior relevancia que se citan na solicitude autonómica atinxen ao cambio na delimitación das zonas inundables de acordo co Plan Hidrolóxico Galicia-Costa aprobado pola Xunta con posterioridade a que San Sadurniño rexistrase a documentación, pero tamén se refiren, entre outras, á alta administrativa dos puntos de captación públicos que lle compete resolver á propia Augas de Galicia tras ser solicitada formalmente polo Concello.

Tal e como consta no expediente xeral do planeamento, San Sadurniño rexistrou toda a información sectorial dirixida a Augas de Galicia o 26 de decembro de 2015. Van aló máis tres anos e catro meses que, segundo Secundino García “superan amplamente os dous meses de prazo máximo para resolver que establece a Lei do Solo de Galicia”. O rexedor apunta que a demora  no requirimento de modificacións e cambios recibido hai uns días “non ten xustificación posible e seguramente se deba a que Augas de Galicia non conta con suficientes recursos humanos para atender a carga de traballo que ten. Podemos entender a situación, pero non é escusa para que se nos obrigue a refacer documentación tres anos despois de tela presentado”.

Parte do requirimento formulado polo organismo autonómico refírese a información e cartografía que debe axustarse ao Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa, modificada en 2016 e con posterioridade a que San Sadurniño rexistrase a súa solicitude dos informes sectoriais. De feito, Augas de Galicia sinala que toda a documentación debe ser conforme a ese plan, o que obrigará a refacer planos e introducir outras correccións na documentación inicial do planeamento. “Rexistramos a documentación a finais de 2015 e ao ano seguinte cambiou a normativa do plan hidrolóxico -insiste Secundino García-, estásenos pedindo adaptar o que hai feito a unhas normas que non estaban en vigor daquela, senón que a Xunta e o Estado as aprobaron despois. E pídesenos con tres anos de retraso, un tempo precioso no que seguramente xa teríamos o PXOM aprobado”.

Noutra orde de cousas, o requirimento de Augas de Galicia tamén menciona que faltan por inscribir no rexistro deste organismo os puntos de abastecemento de auga da traída municipal. Algo que, tal e como comenta o responsable de Urbanismo, Manolo Beceiro,  “está solicitado tamén desde hai case tres anos e aínda non houbo resposta”. Beceiro explícao deste xeito: “Augas de Galicia estanos esixindo que teñamos inscritos os abastecementos nos seus rexistros e, ao mesmo tempo, non nos contestan á solicitude de inscrición. É algo que non ten moito xeito,  pero é o que está pasando”.

Malia o requirimento,  desde o goberno local vese o estado das cousas desde a óptica do vaso medio cheo. “Adaptar a documentación pode retrasar aínda máis a aprobación inicial do PXOM, pero polo menos vemos que por fin Augas de Galicia está empezando a mover o expediente”, explica Secundino García. Cómpre lembrar que tanto el como Beceiro mantiveron a principios de febreiro unha xuntanza en Santiago coa nova responsable do ente público, Teresa Gutiérrez, á que lle solicitaron maior axilidade na tramitación dos informes sectoriais.

Segundo informa o goberno local, o arquitecto municipal “púxose onte mesmo mans á obra na revisión e adaptación da documentación” co obxectivo de “remitir o antes posible todas as modificacións e informes que son de competencia municipal”.

Desde a área de Urbanismo tamén recordan que nestes momentos é posible solicitar licenzas de obra, cuxa concesión se rexerá polas normas subsidiarias e polo establecido na Lei do Solo de Galicia.

Share.