Atención: últimas horas para engalanar casas, negocios e outros recunchos!

0

Este é un aviso para quen deixa as cousas para última hora: o domingo remata o prazo para enviar as fotos das nosas casas, negocios e outros lugares que queiramos presentar ao certame “Engalana o teu concello”. Levamos varias semanas lembrando a mecánica e os gorentosos premios -25 entre lotes de produtos e vales para ceas e xantares na hostalaría local-, pero seguro que aínda hai xente dándolle voltas á decoración ou incluso quen non empezou aínda co choio. Recordade: hai que preparar o exterior con calquera motivo do Nadal -preferentemente material de reciclaxe, elementos naturais, etc… pero non unicamente luces-, que a composición sexa visible desde a vía pública e mandar polo menos tres fotos do resultado a agustin.perez@sansadurnino.gal ou ao whatsapp 616 332 919. Acordádevos, o domingo é o último día.

É moi importante adobiar o lado da casa que dea á rúa ou a pista que teñamos máis preto -ou que a se decore toda- para que a obra poida vela desde fóra calquera persoa que pase por alí. É máis, este requisito será imprescindible para poder optar a algún dos 25 premios que se van outorgar nas seguintes categorías, abertas á participación de persoas de calquera idade:

  • Individual: para veciñas ou veciños a título individual, que poderán levar algunha das 15 cestas de produtos da terra que hai como premio.
  • Colectiva: para varias persoas (mínimo 2 e máximo 5) que decidan facer unha decoración conxunta das súas vivendas ou de espazos públicos que teñan preto, como por exemplo adros, rueiros, parques ou áreas recreativas… Concederanse 5 premios consistentes en ceas ou xantares para 5 persoas nos restaurantes e casas de comidas locais.
  • Establecementos: na que poderán entrar todos os negocios de San Sadurniño -tendas, bares, restaurantes, comercios, talleres, granxas, etc.-, sexa cal sexa a súa actividade. Haberá tamén 5 premios en forma de cestas con produtos da terra.

O xurado do certame “Engalana o teu Concello” estará formado por tres persoas relacionadas co sector da decoración, quen poderán visitar os conxuntos que consideren necesarios para faceren a súa valoración.  O seu veredicto darase a coñecer o día 30 de decembro e a entrega dos premios, de ser posible, celebrarase na Casa do Concello o sábado 9 de xaneiro ás 12.00h.

Ah, e recordade que o Concello e os pequenos negocios de San Sadurniño tamén teñen en marcha a campaña de promoción “Neste Nadal, consumo local”, con sorteos de tres lotes de produtos entre todas aquelas persoas que merquen/consuman en calquera dos establecementos participantes.

Share.